1,5 millóns de euros para a rehabilitación do Frei Luís de Granada de Sarria

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar na plataforma Contratos de Galicia a licitación da obra de rehabilitación integral do CEIP Frei Luís de Granada (Sarria), por importe de 1.448.690,78 €.

CEIP Frei Luís de Granada, en Sarria | Páxinas Galegas

A actuación divídese en tres partes, unha de reforzo estrutural, outra de mellora da eficiencia enerxética e unha terceira que contempla diferentes obras de acondicionamento.

Reforzo estrutural

Procederase a un reforzo estrutural que minimice a aparición de fisuras. Para iso executarase un recrecido de capa de compresión de formigón estrutural alixeirado, ancorado sobre a capa de compresión existente. Deste modo a estrutura continúa funcionando co mesmo esquema, mellórase o comportamento do forxado ao aumentar a zona de compresión do mesmo e diminúense as cargas permanentes ao substituír a capa de recrecido e pavimento de terrazo por capa de compresión con formigón lixeiro e pavimento de linóleo.

Eficiencia enerxética

Illar a fachada polo exterior mediante sistema SATE, así como substituír as fiestras por carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo e colocar novas persianas con illante térmico interior. Ademais instalaranse novas luminarias con tecnoloxía LED, equipos de regulación e detectores de presenza en aulas, zonas comúns e aseos. Todas estas medidas combinadas supoñen un aforro enerxético anual de arredor do 15,60% en consumo de enerxía primaria e do 15,90% en emisións de CO2. 

Outras actuacións

Acometerase a reparación de fendas no ximnasio, a mellora das condicións de acceso e evacuación do edificio e dotarase o centro dunha nova infraestrutura de comunicacións. A maiores mellorarase a estanqueidade do ximnasio, cambiarase toda a tabiquería interior, colocarase falso teito acústico, cambiaranse as carpinterías interiores e pavimentos e pintaranse os paramentos.

O obxectivo é iniciar as obras no centro durante o verán e compatibilizalas a partir de setembro co curso escolar, sempre baixo as máximas medidas de seguridade. Os traballos teñen un prazo de execución de 7 meses.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here