“O goberno da Deputación vota en contra dos intereses da comarca de Monforte”, afirman os populares

No pleno deste martes na Deputación, socialistas e nacionalistas votaron en contra das propostas do PP para aplicar un plan de reactivación da Mariña e para esixir a reposición dos servizos suprimidos por Renfe en Monforte.

Ferrocarril Monforte PP / PP Provincial

O voceiro popular, Javier Castiñeira, asegura que lle chama a atención que o goberno da Deputación votara en contra das dúas mocións dos populares nas que pedían un plan de activación da Mariña lucense, tanto turisticamente como de mellora da imaxe da comarca, e medidas para evitar a perda de servizos ferroviarios en Monforte. Aseguran desde o PP que é estraño que se votara en contra cando a función da Deputación é a defensa dos intereses da provincia.

O portavoz popular di que “é incrible que o presidente da Deputación, e alcalde de Monforte, José Tomé, non apoie reivindicacións contra a perda de servizos ferroviarios por parte da comunidade monfortina, de toda a Ribeira Sacra e, en xeral, da provincia. Parécenos incrible;  pérdense 22 servizos, dos 29 que se perden en Galicia, e cremos que é unha falta de compromiso absoluto con toda a provincia e en concreto co seu concello”.

A defensa da moción para recuperar os servizos ferroviarios en Monforte correu a cargo de Dolores Castro. Destacou que os servizos de ferrocarril en Lugo son cada día máis precarios e que a supresión de 22 servizos que afectan a Monforte terá unha incidencia moi negativa en toda a comarca, na Ribeira Sacra e no conxunto da provincia. Lanzou esta pregunta a socialistas e nacionalistas: “Están dispostos a deixar pasar isto?” Consideran os populares que a resposta dérona os deputados do PSOE e do BNG votando en contra da moción popular.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here