O creador das ‘superavoas’, en Quiroga

Estes días está pintando un dos seus típicos murais nos que representa estampas ‘made in Galiza’ nos que as protagonistas son avoas xigantes

Mural que realiza Yoseba MP en Quiroga / XdL

O artista plástico galego Joseba Muruzábal, coñecido como Yoseba MP, está creando por encargo da asociación ‘Quiroga en marcha’ un dos seus espectaculares murais no lateral dun edificio de Quiroga na rúa San Martiño de Abaixo.

Dende hai uns anos é coñecido, a nivel nacional e incluso internacional, polos espectaculares murais de gran tamaño que representan avoas galegas ás que lle dá unha dimensión gráfica e simbólica de superheroínas. Na obra que está en marcha intúese unha muller subida nun carro de supermercado portando un acio.

Días atrás remataba outro mural que representa unha alvariza, construción típica da Comarca de Quiroga para protexer as colmeas da ameaza de animais como o Oso.

Estes traballos forman parte dunha acción da asociación recentemente creada, ‘Quiroga en marcha’, para dinamizar a vila, facela máis atractiva, atraer visitantes e dar que falar fóra da contorna.

Esta iniciativa conta cunha axuda de 5.000 euros de fondos Leader concedida polo GDR Ribeira Sacra-Courel, un 60% do proxecto, e unha subvención do Concello de Quiroga de 2.050 euros que complementa asumindo os gastos do elevador que necesitan os artistas para realizar o seu traballo.

O artista traballando na súa obra, enriba do elevador e protexido do sol / XdL

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here