Estrea do vídeo promocional de Sober nas redes sociais

O traballo, realizado polo fotógrafo monfortino Manuel Valcárcel ‘Piro’, busca ser un escaparate de todo o que Sober ten para ofrecer baixo a máxima: “O paraíso é unha lenda, Sober unha realidade”.

Vídeo concello de Sober

O Concello de Sober lanza este sábado, 1 de agosto, un vídeo promocional co que pretende realzar as grandezas da localidade. O traballo pode verse xa nas redes sociais do Concello: Facebook, Instagram e Twitter.

En menos de dous minutos de duración o anuncio fai un percorrido polo patrimonio histórico e natural do municipio a través do que invita ao visitante a coñecer Sober.

O Canón do Sil, a vendima, a olería de Gundivós, os petróglifos, o románico, a Banda de Música de Sober ou o viño son algúns dos reclamos que se poden ver a través dunhas imaxes espectaculares da localidade.

Tamén hai espazo para os veciños e veciñas de Sober, que aparecen vendimando, coidando o gando ou navegando polas augas do Sil. As festas locais, como a Feira do Viño de Amandi, as posibilidades de ocio e as paisaxes de vertixe completan a peza.

Destino seguro

O Concello de Sober considera importante este tipo de accións promocionais, tendo en conta que estamos a falar dun ano “moi especial” para o turismo no que hai que xerar confianza nos visitantes e amosarlles que virán a un destino seguro. O alcalde, Luis Fernández Guitián, cre ademais que hai que redobrar esforzos tendo en conta “que estamos ás portas desa declaración de Patrimonio da Humanidade que perseguimos por parte da Unesco”. Desde o Concello convidan a desfrutar deste vídeo e compartilo, para que “esa fermosa galería de Sober chegue ao mundo enteiro”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here