IniciosociedadeA herdanza do Moure de Cereixa non cae no esquecemento

A herdanza do Moure de Cereixa non cae no esquecemento

Antonio Méndez, O`Moure finou no 2015. Sen embargo, a súa herdanza aínda está viva. A súa sabedoría, intelixencia emocional e grandeza, segue moi presente entre todos os veciños de Cereixa aos que lles dexiou como legado O Fogón e as súas vivenzas. Un loitador nato que deixou orfo de coñecemento a varias xeracións

Publicado o

- Advertisement -

No ano 1949 a casa d’OMoure, no barrio d’A Ponte, viviu unha traxedia. O petrucio morreu canda outra outra xente nun aparatoso accidente de tráfico. O coche de línea, ateigado naqueles tempos de miseria e racionamento, converteuse nun cadaleito coleitivo. Quedaba coma homiño da casa, con dazaoito anos, o fillo, que correría co mote da casa, até hoxe.

Aquel rapazolo admiraba ós guerrilleiros que facían parada e fonda en casas de Cereixa. Colaboraba como pinche, como rapaz dos recados, levando cartas (algunhas de amor) e de avisos. Como me comentaba cun aquel húmido nos ollos, o seu preferido entre os maquis era O’ Asturiano. En abril daquel mesmo ano tivo lugar a coñecida como batalla de Repil, no linde entre Cereixa e Chavaga, onde foron acribillados os esgrevios maquis da IIª Agrupación Guerrilleira. A represión que deseguido se desatou conlevou malleiras e cadea para veciños da parroquia. Sen embargo, ninguén do lugar denunciou ó Moure. Como en Fuenteovejuna, a xente tapouno. “Até que morra, sempre acordarei isto da miña xente de Cereixa”, comentaba fachendoso baixo a árbore de Cima de Vila onde organizaba unha improvisada tertulia co Xaime d’A Diosa, comigo levantando acta notarial.

Daquela Galicia rural da postguerra, O’Moure seguiu o camiño de alén do mar canda gran parte da mocidade da bisbarra. O seu destino: Venezuela. Hai xente que viaxa e o mundo non pasa por eles. Xa o dixera o poeta Celso Emilio trala súa estadía venezolana naquela Viaxe ao país dos ananos. O’Moure non era destes. Dotado dunha notable intelixencia emocional, a súa experiencia americana rematou por modelar a personalidade dun home feito así mesmo. O’Moure era un excelente contador de historias; co seu ritmo pausado, procuraba a verba exacta para definir personaxes e recrear atmósferas, sempre remitindo ao vivido ou visto. Para el a discreción, a veracidade do contado e o respeito aos protagonoitas e interlocutores eran  valores fundamentais. O seus contos da súa estadía venezolana forman parte da nosa memoria oral da emigración.

Cando retornou a Cereixa foi quen de situar a parroquia no mapa en pleno tardofranquismo. El foi quen creou a primeira churrasquería da provincia de Lugo: O’Fogón. Naqueles comezos, a solidariedade interveciñal traballaba arreo. Veciños de par en par, o pan para os comensais do novo restaurante saía do forno  do Corenta, n’A Ponte, onde tamén paraba por veces Marquiños, o crouco, o bebé de Isaura e O’Moure. Curiosamente o primeiro grande banquete no Fogón tivo lugar nese mesmo ano co gallo da voda dos pais do Xurxo, unha voda curiosa… algunha vella dubidaba da súa validez porque fora oficiada en galego, e xa se sabe que Deus fala castelán…

Ao pouco da súa inauguración, comezaron a degustar a carne de O’ Fogón distintas celebridades. De todas elas, a que deixou máis pegada foi a raíña do destape, Roswita Bertahasa Honzca Nadiuska, que en 1976 gravou a película Beatriz no pazo de Tor. A noite da fin da rodaxe, no Fogón, en plena Transición, Nadiuska encandilou un cacique do tardofranquismo, mentres mollaba con graza o chourizo criollo na prebe do churrasco (receita da casa). Esa noite morreu o nacionalcatolicismo na provincia de Lugo.

Esta foi outra cualidade d’O Moure, a súa capacidade para crear un negocio que ía máis alá do produto. O’Fogón foi un espazo de tertulia, de sobremesa, de encontro, de negociación política. A discreción, a educación, a elegancia e o saber estar do dono marcou un fito inigualable na hostalaría daqueles tempos. Comerciais de Valdeorras, Lugo, Ourense, O Bierzo percorrían kilómetros e kilómetros para degustar sobre madeira esas carnes untadas coas clásicas prebes verde e laranxa, marca da casa.

O’Moure amaba Cereixa e conseguiu converter O’Fogón nun referente identitario. Alí deu traballo a xeracións de mozos e mozas de Cereixa que se formaron na hostalaría. Mesmo contribuiu a sacar adiante algún rapaz de familias desfavorecidas. Así de grande tiña o corazón, até que lle fallou de tanto usalo. Desfrutaba vendo a mocidade e sempre defendía a idea de que a parroquia estivese unida. Era un placer enorme achegarse a Os Carballos, a súa oficina de campo,  e parolar con el sen ollar o reloxo.

Vaise paseniñamente a historia viva do noso pequeno mundo: O Xerardo d’Alende, o Xaime d’A Diosa, O’Moure… Din polas terras africanas que cando morre un vello desaparece unha biblioteca enteira. Ben certo é.

Non sei con que xente se toparía O’Moure alá no Alén. Do que si estou certo é da sorte que ten esa xentiña. Xa o maxino diante dun vasete de viño, asando un churrasquiño mentres conta historias marabillosas aos novos compañeiros.

ÚLTIMAS

O BNG pon en marcha, “Arranxo XA das nosas estradas”, campaña para mellorar as infraestruturas viarias na provincia

O Bloque Nacionalista Galego de Lugo inicia unha nova campaña para reclamar o arranxo...

8ª Andaina polo Corazón de Galicia, o 21 de abril en Chantada

O domingo, 21 de abril, celébrase a 8ª Andaina polo Corazón de Galicia, que...

Que acontece coas Unidades de Drogodependencias dos concellos?

Na última xuntanza dos concellos que contan con Unidades Municipais de Asistencia á Drogodependencia...

Xornadas Pacegas sobre as Revoltas Irmandiñas, o 6 e 7 de maio no Museo Pazo de Tor

O Museo Pazo de Tor acollerá os vindeiros 6 e 7 de maio a...