Morre Carlos Díaz Gallego, o fotógrafo das Terras de Quiroga ó que a cor obrigou a emigrar

O fotógrafo de Quiroga e contorna realizou as súas fotografías entre os 31 e os 35 anos comezando no 1958.

As fotos do Carlos

Carlos Díaz Gallego foi ‘fotógrafo de pobo’ na comarca de Quiroga do 1958 ao 1962. Así o presenta a súa filla Susana na páxina As fotos do Carlos. Carlos era autodidacta, comeza a facer fotos con 31 anos e durante 4 anos recolleu a vida cotiá de Quiroga nas súas fotografías en branco e negro.

Chegou a cor e requeríase un investimento en material que Carlos non puido afrontar e rematou marchando a Francia para converterse en mecánico. Con 88 anos a súa familia publica a páxina que recolle as súas fotografías e que agora, cando falece con 92 anos, quedarán sempre no recordo a través de internet. En Francia nunca se dedicou profesionalmente á fotografía, pero seguiu retratando á súa familia. O traballo de Carlos revela un fotógrafo cunha mirada documental, capaz de retratar toda unha época a través dos seus protagonistas anónimos.

As fotos do Carlos

Festas, vodas, enterros, fotografías para carnés de identidade e o día a día… Non facía falta que se tratase dunha ocasión especial. Se a xente quería as fotos que Carlos lles ensinaba pagaban por elas e eran baratas, segundo el afirmaba.

No arquivo que Carlos gardou durante este tempo hai tamén paisaxes e lugares de interese de Quiroga, como o túnel romano de Montefurado ou o castelo de Torrenovaes, tratábase, en xeral, de encargos do concello. Fotografou principalmente Quiroga, O Courel e Ribas de Sil, aínda que chegou a outros lugares como Sarria.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here