Dende o Concello, indica o Alcalde, “consideramos que a mellor ubicación para este cribado é o aparcamento existente entre o Campo de Fútbol e o Pavillón Polideportivo de A Pinguela, por ser un espazo aberto o suficientemente amplo para delimitar as catro filas de acceso dos vehículos dos cidadáns citados para o cribado, e porque conta cun acceso e unha saída independentes, facilitando así o tránsito seguro dos vehículos”.
A entrada dos vehículos tería lugar pola rúa A Pinguela, bordeando por detrás dos edificios de vivendas, e saíndo por diante da Piscina Municipal para acceder á estrada Monforte-Sober.
A colaboración do Concello concrétase coa instalación dunha carpa de 20×10 metros, na que o Sergas ubicará os 4 puntos destinados á recepción e atención dos cidadáns citados para a realización das probas.
Dende o Concello tamén se desenvolverá, a través da Policía Local e dos Axentes da Cidadanía, o dispositivo de tráfico necesario para que o cribado masivo se leve a cabo con total seguridade. Deste xeito, levarase a cabo un control de tráfico, coa colocación das correspondentes sinais e indicacións para a regulación do tráfico na zona establecida para o cribado e establecendo un control ás entradas e saídas dos vehículos. Para a coordinación deste dispositivo de tráfico haberá unha patrulla de dous policías para cubrir os turnos correspondentes.
Tendo en conta esta colaboración entre administracións, o Alcalde anima á cidadanía que sexa convocada a este cribado a que participe no mesmo, e reitera o compromiso do Concello monfortino en erradicar esta pandemia.