A Anpa do Xoán de Requeixo demanda cambio de horario en todas as rutas do transporte escolar

Este mércores, 10 de febreiro, a Anpa deste centro chantadino solicitará formalmente á xefatura territorial o cambio de horario de todas as liñas de transporte. Demanda que se vén facendo desde fai 5 meses e que a Xunta concretou en dúas rutas do centro.

ceip Xoán de Requeixo / páxinas galegas

Desde a ANPA do CEIP Xoán de Requeixo levan solicitado de setembro a modificación do horario de transporte de todas as rutas que cubre o centro. Unha parte das familias, que falou directamente co servizo de mobilidade en Lugo, para que os nenos e nenas foran recollidos canto antes posible, tivera o compromiso de que serían revisadas todas as rutas. Polo que non entenden que só se modificaron dúas das oito rutas de transporte escolar existentes.

A Anpa considera insuficiente a resolución de conceder o cambio de horario de tan só dúas rutas (Basán Pequeno e San Lucas), do total de oito existentes. Califican a decisión de impropia para unha escola pública, cunha “resolución que chega tarde, mal e a rastro.”

Hoxe solicitan formalmente á xefatura territorial o cambio de horario de todas as liñas de transporte xa que hai nenos e nenas que “continuarán obrigados a agardar case unha hora mais que os seus compañeiros e compañeiras, polo simple feito de vivir en núcleos de poboación rurais.”

A Anpa insiste en que se dá unha discriminación coas familias de núcleos rurais e falan da “incapacidade da administración educativa de solucionar un problema que ela mesma creou no mes de setembro.” Polo que siguen demandando o cambio de horario de todas as rutas para as 15.15.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here