1.000 euros para o cartel anunciador das Festas Patronais de Monforte

O Concello de Monforte convoca o XXVI Concurso de deseño de Carteis das Festas Patronais 2021. Os deseños deberán incluír o texto “MONFORTE DE LEMOS FESTAS PATRONAIS do 11 ó 16 de agosto 2021”, distribuído do xeito que escolla o autor/a. A entrega de orixinais realizarase persoalmente ou por correo no Rexistro Xeral do Concello de Monforte ata o 3 de maio de 2021. Non se aceptarán aquelas obras que leven cuño de correos con data posterior.

Aqueles interesados en concursar neste certame terán que facelo con obras de creación propia, orixinais e inéditas. A técnica e o formato será libre sempre que sexa apta para a reprodución mediante cuatricromía. As obras non levarán o nome do autor/a de maneira visible e presentaranse nun sobre asinado con pseudónimo, debendo acompañar noutro sobre pechado todos os datos persoais do autor: nome, enderezo postal completo, teléfono e enderezo de correo electrónico. 

Establécese un único premio que será o cartel anunciador e a portada do programa das Festas 2021 e dótase cunha cantidade de 1.000 euros, impostos incluídos. Este cartel quedará en poder do Concello de Monforte de Lemos e a propiedade intelectual do traballo gañador corresponderá ó/á autor/a, non obstante a concesión do premio levará consigo sobre o traballo gañador a cesión exclusiva e gratuíta en favor do Concello de Monforte de todos os dereitos de reprodución. A decisión do xurado farase pública o luns 10 de maio.

Criterios de selección e puntuacións máximas

  • Temática e relación coa cidade de Monforte e as súas festas: 30 puntos.
  • Mellor deseño gráfico: 30 puntos.
  • Tratamento das cores e tipo de letras: 20 puntos.
  • Diferentes usos do texto e das imaxes: 20 puntos.
  • Calidade técnica: 20 puntos.
  • Calidade artística: 20 puntos.
  • Impacto visual: 20 puntos.
  • Creatividade: 20 puntos.
  • Orixinalidade no deseño da montaxe: 20 puntos.

O cartel gañador e unha selección dos mellores traballos presentados, selección realizada polo xurado, quedarán temporalmente en poder da Delegación Municipal de Cultura para realizar unha exposición na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro. Unha vez rematada a exposición serán devoltos aqueles que sexan solicitados polos seus autores. Os autores responsabilizaranse totalmente de que non existan dereitos a terceiros nas obras presentadas.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here