A Deputación apoia o Camiño de Inverno por Vilachá de Salvadur

No Pleno da Deputación de Lugo, celebrado este martes 30 de marzo, aprobouse unha moción socialista, impulsada pola Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur, de apoio ao recoñecemento do Camiño de Inverno ao seu paso por Torbeo-Vilachá de Salvadur-Rozavales.

Igrexa Rozavales / Asocación Veiños de Vilachá

O ente provincial reclamará ante a Xunta de Galicia o recoñecemento oficial do trazado orixinal do Camiño de Inverno. A proposta insta a que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural atenda o informe presentado pola Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur en xuño de 2020 e que ditamine.

A deputada e portavoz do Goberno, Pilar García Porto, encargouse de presentar a proposta. Nela subliñou que esta demanda contaba co apoio oficial dos plenos nos concellos de Ribas de Sil, A Pobra do Brollón e Monforte de Lemos. Desta maneira, a deputación recollía este sentir dos municipios e da propia asociación veciñal para canalizar a moción e que a Deputación de Lugo se sumara a esta reclamación.

García Porto explicou que “non se cuestiona o actual percorrido da ruta, senón que se propón que pervivan ambos no futuro como rutas alternativas, como sucede con outros puntos do Camiño”. Ademais recalcou a importancia de que o Camiño de Inverno pase pola zona estritamente da Ribeira Sacra no lado do Sil, o que implicaría un verdadeiro atractivo turístico-cultural para esta zona.

Dende a Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur amosan a plena satisfacción polo apoio recibido e o interese amosado pola Deputación de Lugo. A asociación consegue así sumar un novo apoio institucional, completando todos os posibles afectados na zona de Lugo, e expresan o desexo de que a Xunta de Galicia resolva axiña o expediente aberto dende o pasado ano.

Por último, a Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur apunta que continuarán a solicitar informes de institucións culturais galegas e proseguirá na súa investigación por se xurdise algunha nova documentación “que apuntale o que xa consideran un feito probado: este era o trazado orixinal do Camiño de Inverno.”

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here