Iniciosociedade“A miña actividade non parou coa pandemia”, Maira Ratón, consultora enolóxica

“A miña actividade non parou coa pandemia”, Maira Ratón, consultora enolóxica

Despois de quince anos traballando co enólogo e adegueiro Roberto Regal, esta chantadina ‘colleitou’ a experiencia necesaria para abrirse camiño pola súa conta ofrecendo servizos administrativos e de consultoría especializados. Os seus clientes son diferentes adegas, a maioría da D.O. Ribeira Sacra, pero tamén ten algunhas de Valdeorras e do Ribeiro. Falamos con ela.

Publicado o

- Advertisement -

Maira Ratón Fernández, filla de pai e nai chantadeses, naceu en Barcelona pero aos 4 anos xa estaba por estas terras. Os seus proxenitores decidiron mercar unha casa con explotación gandeira en Mariz, no Concello de Chantada, e para quí viñeron.

O seu primeiro contacto co mundo do viño foi na casa, onde sempre se fixo para autoconsumo, pero os seus primeiros pasos no coñecemento profesional do sector vitivinícola fíxoos co coñecido enólogo chantadino Roberto Regal, traballando na súa asesoría especializada.

Despois de 15 anos traballando na Asesoría Vitivinícola RL dá o paso para establecerse pola súa conta. Atopa nicho de mercado dentro das actividades que vén realizando e comeza no 2020. Un ano marcado pola pandemia pero que a ela non lle afectou porque moitos traballos das adegas, moitos deles administrativos, seguiron.

Falamos con Maira máis polo miúdo desta traxectoria e do seu traballo actual.

Como empezaches no sector vitivinícola?

Din que para saber a onde imos debemos saber de onde vimos. Introducinme no sector vitivinícola por medio do Enólogo Roberto Regal. No 2004 comecei a traballar na súa Asesoría Vitivinícola e fun deixando outros traballos que realizaba para dedicarme exclusivamente a traballar na asesoría.

Centrada en traballos administrativos, ou non necesariamente?

Cando comecei na asesoría foi Roberto quen me formou para realizar traballos administrativos, de análises de viños, atención ao público, control de fermentación nas adegas, etc.

Maira Ratón realizando traballos de laboratorio. Foto: M.R.

Cos anos acabei facéndome cargo da sección do laboratorio de análises, control documental das adegas, algo de traballo administrativo, atención ao público e nalgún momento tamén impartín curso de elaboración de viños.

Quince anos de traballo nos que aproveitaches para ampliar coñecementos e formación. Cóntanos.

Formeime sempre que puiden e que o traballo na asesoría mo permitía, e sempre animada por Roberto. Comecei a formación especializada en 2005 cun Curso Superior de Xestión de Bodegas e é en 2008 cando obteño a titulación de Técnico en Elaboración de Viños.

Continúo formándome con diversos cursos de elaboración e cata de viño, asistindo a feiras especializadas no sector, visitas enoturísticas, congresos enolóxicos, etc.

Maira imparindo un curso de formación no Morrazo. Foto: M.R.

Con que te quedas desa traxectoria formando parte do equipo de Roberto Regal na Asesoría Vitivinícola RL?

Por motivos persoais tiven unha ligazón moi achegada a RL. Sempre me involucrei moito, con RL nacín e crieime enoloxicamente pero considero que eu tamén lle din moito a ela. Compartín moitísimos bos momentos con moita xente tanto compañeiros de traballo como clientes, chegando con moitos deles a facer e a conservar hoxe en día unha amizade.

“Con RL nacín e crieime enoloxicamente pero considero que eu tamén lle din moito a ela”

No 2020 decides abrirte camiño pola túa conta. Tiñas claro que había nicho de mercado como Consultora Enolóxica?

En Xaneiro do 2019 decidín deixar RL e pensar con calma o que quería facer coa miña vida laboral, tiven algunha oferta de traballo pola zona e incluso me cheguei a plantexar buscar traballo fóra de Galicia no sector do viño.

Comprometinme tanto coa asesoría como coas adegas ás que se lle estaba levando o control documental co Consello Regulador a rematar a campaña vitícola. Nese intre a asesoría prescinde dese servizo e é onde eu vexo un nicho de mercado, levando un control máis exhaustivo de cada adega, rexistrando a trazabilidade tanto do viño en granel como do embotellado,… con esa información cubro tanto os rexistros do Consello Regulador, libros de Agricultura e da Axencia Tributaria. Na campaña 2020 tamén levei o asesoramento enolóxico dunha adega.

A súa ‘outra oficina’. Foto: M.R.

Este traballo tamén me permite seguir formando parte do panel de cata da D.O. Ribeira Sacra e agora tamén a da D.O. Ribeiro, na cal xa traballei como veedora na campaña 2019. Nun futuro gustaríame aproveitar a mobilidade que o meu traballo me permite para coñecer distintas zonas vitícolas e traballar nelas de forma esporádica.

“Este traballo tamén me permite seguir formando parte do panel de cata da D.O. Ribeira Sacra e agora tamén a da D.O. Ribeiro”

Que tipo de asesoramento e servizos que realizas demandan máis as adegas? Cres que se valoran na súa xusta medida?

Nun primeiro momento demandábanme máis o control documental que solicita o Consello Regulador, pero dende xaneiro do 2020 as adegas están obrigadas a comunicar na Axencia Tributaria información de movementos das adegas. É un traballo bastante tedioso para a maioría das adegas, por iso moitas deciden contratar servizos profesionais.

Centrada na D.O. Ribeira Sacra ou tes clientes doutras Denominacións de Orixe?

Máis ou menos… o  70% son da D.O. Ribeira Sacra pero tamén traballo con adegas da D.O. Ribeiro, D.O. Valdeorras e con dúas sen D.O.

Catas de Galicia 2020. Foto: M.R.

Aos poucos meses de comezar coa túa actividade chega a pandemia. Como están sendo estes meses para ti? 

O sector do viño está pasando por unha situación moi dura, pero teñen que seguir ao día coas súas obrigas, tanto co Consello Regulador, con Agricultura como con facenda, polo tanto a miña actividade non parou.

Cónstanos que tiñas incluso unha serie de actividades divulgativas para achegar o sector do viño ás escolas. En que consistían e cando cres que poderás retomalas?

Xustamente uns días antes de declararse o Estado de Alarma tiña preparado uns trípticos para enviar aos colexios, consistía nunha visita a unha adega explicando uns conceptos básicos da elaboración do viño  e da Denominación de Orixe, rematando cunha cata sensorial, sen viño evidentemente xa que era dirixido a rapaces. A idea nun primeiro momento era desprazarme eu aos colexios, pero grazas a que un amigo profesor  me enviou un grupo de alumnos para que coñeceran unha adega da Ribeira Sacra dinme conta que era moito mellor facer ese taller in situ.  

O de retomalo, haberá que ir vendo como evoluciona esta situación. Agora mesmo estou a preparar o taller para levalo a un local de Lugo, EnVinissi.

Seguro que tes moitas afeccións fóra do mundo do viño, pero hai unha que coñecemos, a música tradicional. Como compaxinas a túa vida profesional con Searas?

Sempre me foi fácil compaxinalo xa que a maioría das actuacións que tiñamos eran en fin de semana. Mais agora o Covid 19 paralizou totalmente a nosa actividade. Andamos para retomala canto antes xa que iniciamos a gravación dun disco. Pero é difícil motivarse con esta situación ata eu me desmotivei, que xa é dicir!.

Para min a música converteuse en algo moi especial…

Maira con ‘Searas’ nunha edición da Feira do Viño de Vilachá, na Pobra do Brollón / XdL

“… coa música sentín que estaba a consumir a mellor droga”

A ver, cóntanos…

Hai algo que o explica moi ben, no ano 2011 recibín un tratamento de quimioterapia. Sofía, enfermeira do Hospital Lucus Augusti foi a encargada de explicarme a situación que me ía tocar vivir durante uns meses, unha das cousas que me dixo foi “prepárate porque vai ser como consumir a peor droga que te poidas imaxinar”, e así foi, pero coa música sentín que estaba a consumir a mellor droga.

Así que oxalá pronto a poida consumir de novo (risas).

Maira Ratón como imaxe dun cartaz da IXP Ribeiras do Morrazo

ÚLTIMAS

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...

Axudas para a reestruturación e reconversión das viñas

No DOGA do 26 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural...

6 empresas locais constrúen novas naves no Polígono dos Acivros, en Chantada

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, vén de visitar o Polígono dos Acivros...