Éxito da I Feira de Artesanía de Quiroga

15 postos participaron este venres na I Feira de Artesanía e produtos locais de Quiroga. A Asociación de Artesáns galegos “Tarabelada” da que forman parte varios emprendedores locais, en colaboración co Concello de Quiroga, puxo en marcha a idea de dar a coñecer os produtos que eles mesmos elaboran.

Feira de artesanía de Quiroga / concello de Quiroga

Máis que satisfeitos se amosaron os artesáns  desta primeira feira na que tiñan cabida os seus produtos. Precisamente esta satisfacción pola ventas acadadas era o que lle transmitiron ao alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, que se achegou ata os stands para ver o desenvolvemento desta mostra. O rexedor local, que recorría os expositores acompañado do grupo de goberno local, en vista do éxito acadado, falou xa de que esta primeira feira de artesanía teña continuidade en vindeiros anos.

Feira de artesanía de Quiroga / concello de Quiroga

Nesta I Mostra de artesáns, que se desenvolveu ao longo da rúa Real, durante toda a xornada contábase con expositores de produtos alimenticios, xabóns e cremas, pero sobre todo traballos artesáns feitos con coiro, telas ou madeira autóctona como a madeira de oliveira.

Na xornada tamén ten cabida a música. E esta noite, a partir das nove, o grupo de música tradicional galega “A Roda”, actuará na praza da rúa Lago.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here