A Deputación promociona o románico da Ribeira Sacra coa guía “Lugo Románico”

Preséntase na igrexa da Santa María de Nogueira de Miño, coñecida como a Capela Sixtina da Ribeira Sacra, o primeiro volume da guía Lugo Románico, un novo proxecto editorial emprendido pola institución provincial para reforzar a promoción do patrimonio deste estilo arquitectónico co que conta a provincia de Lugo.

Románico Ribeira Scara presentación guía / Deputación de Lugo

A Ribeira Sacra estrea esta colección, que terá outros tres tomos sobre o románico noutras zonas da provincia. A guía arranca por esta comarca, “como non podía ser doutro xeito”, asegurou o Presidente, pois na Ribeira Sacra “está a maior concentración do románico rural de toda Europa”.

O mandatario provincial afirmou que esta guía “será un elemento que axude ás persoas que nos visitan a organizar as súas viaxes e as súas rutas, e gustaríame que actuase como recordatorio do compromiso coa conservación do patrimonio, porque os monumentos teñen historia, pero tamén están cargados de futuro. O patrimonio é turismo de calidade, emprego sostible, desenvolvemento do rural, e proxección do territorio a nivel galego, nacional e internacional”.

O románico da provincia é un dos máis importantes de España e de Europa, como demostra que Lugo forma parte da Ruta Transrománica do Consello de Europa dende o pasado ano grazas á iniciativa impulsada pola Deputación. “Desta forma, situamos ao noso patrimonio nunha das grandes rutas culturais europeas, a máis importante das vinculadas a este fermoso estilo arquitectónico. Unha ruta da que, en España, só forman parte outros dous lugares: o mosteiro de Santo Domingo de Silos e a cidade de Zamora”, explicou José Tomé.

Editáronse inicialmente 1.000 exemplares da guía, que está en tres idiomas para chegar a un maior espectro de lectores. Miguel Mendoza, en colaboración con outros autores, foi o encargado de elaborar os textos, que ilustran fotografías de Pepe Tejero e Roberto Díaz. O libro recolle máis de medio cento de igrexas e basílicas como o mosteiro do Divino Salvador, en Ferreira de Pantón; a igrexa de San Xoán da Cova, en Carballedo; a igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada; a igrexa de San Pedro de Ribas Altas, en Monforte de Lemos; a igrexa de San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela; a igrexa de San Nicolás ou San Xoán, en Portomarín; a igrexa de Santa María de Torbeo, en Ribas de Sil; a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao; a igrexa de Santa María de Proendos, en Sober; e a igrexa de Santa María de Taboada dos Freires, en Taboada.

1 COMENTARIO

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here