80.000 euros para a mellora da vía principal dos Novais en Quiroga

A Xunta de Galicia e o Concello de Quiroga colaborarán na execución dunha actuación urbanística co fin de mellorar a vía principal do lugar dos Novais.

Sinatura Quiroga / Xoán Crespo

Segundo o convenio asinado entre a Consellería de Medio Ambiente e o concello de Quiroga, a intervención consistirá nunha serie de actuacións de embelecemento e mellora da pavimentación na vía principal dos Novais, que discorre desde o inicio do núcleo rural ata a fin da delimitación e que nestes momentos conta cun pavimento de formigón pouco integrado coa contorna.

Tendo en conta as recomendacións das guías da Colección Paisaxe Galega, optarase por substituír o material actual por un formigón tratado con acabado de árido visto, acorde coas tonalidades e texturas da pedra do lugar e variando a composición e o aspecto dos áridos, para o que se empregarán variedades locais.

Deste xeito, búscase conseguir unha boa integración coa contorna e eliminar o impacto existente, asegurando á vez a duración e resistencia do pavimento fronte ao tránsito rodado e cun menor custo.

Intervirase nunha superficie de 1.190 metros cadrados, manténdose a topografía actual. Cun custo de case 80.000 euros dos cales o 70% será achegado polo departamento autonómico e o 30% restante polo Goberno municipal, o convenio enmárcase nos obxectivos do chamado plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai máis dunha década para axudar ás entidades locais a executar proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de infraestruturas de uso público e colectivo.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here