Xa se poden crear furanchos na Pobra do Brollón

Xa se poden dar de alta os furanchos no rexistro municipal escollendo os tres meses de apertura máis as tapas a servir, xunto coa presentación do resto da documentación. Para facilitar a información aos veciños e responder dúbidas, o Concello anunciará proximamente unha charla informativa na Casa da Cultura ‘Olga Novo’.

Adegas Vilachá / concello da Pobra do Brollón

Dende o primeiro día deste mes de xaneiro, está en vigor unha ordenanza para regular a apertura de furanchos no municipio da Pobra do Brollón.
Os furanchos son establecementos para a venta de excedente de viño e a súa apertura está regulada por unha lei autonómica que impón unha serie de condicións. Ademais desta lei autonómica, os Concellos deben habilitar esta opción mediante ordenanza municipal, que é o que se vén de facer.

“Realmente hai pouca marxe de regulación para os Concellos e a ordenanza é case igual á lei autonómica,” explica o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda.

Condicións que deben cumprir

Non pode abrir un furancho calquera persoa, senón que debe ser un viticultor con viñas rexistradas no rexistro vitícola de Galicia. A superficie das viñas en propiedade determinará a cantidade de viño que cada viticultor pode vender ao ano. Tampouco se pode abrir durante todo o ano senón que está limitado ao período de xaneiro ata xuño, podendo ampliar excepcionalmente ao mes de xullo. Entre agosto e fin de ano os establecementos deben estar pechados.

Os locais, a corresponder con lugares de elaboración ou almacenaxe de viño, tamén deben cumprir unha serie de condicións para a apertura e cumprir cuns requisitos administrativos. As tapas que se poden servir están limitadas a unha listaxe recollida na lei autonómica e a ordenanza municipal entre as que o propietario debe escoller ao rexistrar o furancho. “O concepto furancho neste sentido está mal entendido,” comenta Xosé Lois Maceda. “Houbo durante moito tempo un mal uso do concepto noutras áreas que fai que agora un sector da poboación identifique os furanchos con bares ou restaurantes piratas cando é algo totalmente diferente”.

Os furanchos poden ser unha ferramenta moi útil no mantemento das viñas existentes, nomeadamente as da parroquia de Vilachá, xa que para o pequeno viticultor é un xeito de sacar un maior rédito ao seu traballo, dende o Concello. “Temos unha paisaxe vitícola en retroceso, cada vez máis abandonada, polo que calquera estímulo aos propietarios ou xente que se queira sumar á viticultura é positivo,” observa Maceda. “Ademais, os furanchos poden e deben ser compatibles co establecemento de adegas cun modelo máis empresarial.” “Neste sentido, dende o Concello levamos uns anos apostando pola valorización de Vilachá e da Ribeira Sacra guímara, por exemplo, apoiando o proxecto de Adegas da Memoria,” engade o alcalde.

O establecemento de furanchos nesta parroquia sería ademais un complemento turístico e unha moi boa opción de redondear a experiencia de visitantes que vaian ao miradoiro da Capela, ás visitas guiadas municipais ou ás adegas tradicionais da Abelaira en Vilachá, onde incluso se podería establecer algún furancho.

Máis alá de Vilachá

A medida dos furanchos non soamente se pode aplicar en Vilachá; vai orientada a todo o territorio municipal xa que existen viñas noutras parroquias ou xente que ten viñas en Vilachá pero elabora noutra parroquia.

Neste contexto os furanchos poderían xogar un papel semellante ao das antigas cantinas como lugar de socialización nas aldeas. Nestes pequenos puntos con cada vez menos veciños, a existencia de lugares onde facer comunidade é importante. “No fondo, o concepto de furancho está moi arraigado no noso ADN cultural”, reflexiona o Alcalde. “Non se trata realmente máis que de ‘embodegar’, esas xuntanzas nas adegas. A diferenza é que se pode sacar un rendemento económico, revertendo no propietario e permitindo acceder a esa experiencia a xente que, ao non ter arraigo no territorio, non accedería doutro xeito”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here