Visita do CEO de ‘Rockschool España’ á Escola de Música Moderna

Antonio Olazábal, director xeral de Rockschool España, visitou esta academia monfortina, centro de ensino que puxo “como un dos referentes da marca en España”.

Antonio Olazábal na Escola de Música Moderna de Monforte. Foto: G.H.

O pasado xoves dezasete de febreiro chegaba a Monforte Antonio Olazábal, director xeral de Rockscholl España, para coñecer as novas instalacións da Escola de Música Moderna de Monforte, un dos centros RSL España de máis percorrido, tras case 8 anos, e co mellor índice de aprobados (96%).

Olazábal presentou Rockschool aos alumnos nunha charla á que acudiron tamén pais e fixo un repaso histórico da marca, presente e futuro. Repasou a importancia desta titulación no ámbito profesional, presente en 55 países do mundo e que realiza exames a 100.000 candidatos cada ano, e resaltou tamén a importancia do centro de ensino monfortino. Neste punto situouno como referente en España, tanto pola calidade no ensino como pola organización interna.

Gonzalo Herrero acompañado de Antonio Olazábal e o resto de asistentes á charla. Foto: G.H.

Ademais, todos os asistentes tiveron a oportunidade de facerlle preguntas directas tales como saídas profesionais ou plans de estudos e recoñecemento internacional.

A visita do CEO de Rockschool España a Monforte e un dos eventos máis importantes para este centro de ensino nos seus 8 anos de historia. “Fixo un esforzo enorme para estar aquí, todo un orgullo para a cidade e para o noso traballo todos estes anos, ademais dun importante recoñecemento”, confesaba Gonzalo Herrero, director da Escola de Música Moderna.

E para quedar como perfecto anfitrión, Gonzalo acompañouno nun circuíto polos canóns do sil amosándolle tamén algúns dos atractivos turísticos da cidade como o castelo ou os escolapios. “Leva un extraordinario recordo tamén da zona, á que prometeu volver coa súa familia”, afirmaba o monfortino.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here