IniciosociedadeFolgoso do Courel terá un orzamento de 1,3 millóns de euros

Folgoso do Courel terá un orzamento de 1,3 millóns de euros

O Concello de Folgoso do Courel aprobará este venres nun Pleno extraordinario o orzamento xeral para o exercicio 2022 que ascende, no seu estado de ingresos e gastos, á contía total de 1.332.235,75 euros.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A diferenza con respecto á contía do ano pasado (1,5 millóns de euros) vén derivada das subvencións que están pedidas á espera da súa confirmación, o que incrementaría o Orzamento, sinalan desde o Goberno Local. Entre elas, a subvención para os obradoiros de emprego, que se veñen facendo desde o ano 2010, as achegas para actividades culturais e deportivas e de fomento do deporte, así como novos investimentos en redes de sumidoiros, abastecemento de auga, camiños veciñais e reposición de infraestruturas, entre outros.

Entre as obras pendentes destacan desde o equipo de goberno a adxudicación da área recreativa de Mogoxe e a concesión á Deputación de Lugo da licenza para a residencia da terceira idade.

Investimentos reais e Subvencións

A partida de investimentos reais supón unha contía de 277.383 euros. As  principais obras previstas son: a humanización da Praza Manuel Fraga, a rexeneración do sistema viario municipal, a pavimentación de estrada de acceso a Vilela, Noceda e Touzón, a pavimentación de camiños municipais, o subministro de auga de Piñeira, a adquisición de bocas e mangueiras de incendios, así como unha axuda para a elaboración definitiva do PXOM.

No capítulo de subvencións nominativas concédense 3.000 euros ao ámbito educativo;  500 euros ao CPI Poeta Uxío Novoneyra para actividades e 2.500 á Asociación de Pais e Nais de Alumnos. En concorrencia competitiva reciben 2.000 euros as festas parroquiais, 1.100 euros as axudas para a adquisición de libros e material escolar de educación infantil e 1.100 euros para primaria e secundaria do CPI Poeta Uxío Novoneyra. Destínanse 1.500 euros para as axudas de apoio á natalidade e 2.700 para as axudas ao transporte de estudantes. A contía total do anexo de subvencións sumando as achegas á asociación para a promoción territorial das Montañas do Courel, emerxencia social, GDR Ribeira Sacra Courel, e o Fondo de Compensación Ambiental, entre outras, ascende aos 33.890 euros.

Gastos correntes e persoal

Neste capítulo está previsto un menor gasto con respecto ao do exercicio anterior, fundamentalmente e como consecuencia da minoración de ingresos a percibir pola entidade en 2022 derivados da liquidación definitiva da participación municipal en tributos do Estado do exercicio 2019; o cal a súa vez trae causa da regularización catastral producida no exercicio 2016.

Así, os ingresos previstos pola participación nos tributos do Estado diminúen de xeito significativo con respecto aos anos anteriores como consecuencia da regularización catastral producida no termo municipal, o que reduce de forma relevante as posibilidades de gasto do Concello. O Goberno local xa amosou no seu momento a súa desconformidade con esta penalización do Estado que consideran “inxusta”.

En canto aos gastos de persoal mantéñense as retribucións dos seis peóns do Grupo de Emerxencias Supramunicipal ao terse renovado para o ano 2022 o convenio subvencionado pola Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Lugo e inclúense os créditos necesarios para as retribucións de oito auxiliares de axuda a domicilio a xornada completa e 3 a xornada parcial de cara a prestación do servizo de axuda no fogar.

Igualmente consígnanse os créditos necesarios para a contratación temporal de dous peóns, un técnico para a xestión da biomasa e un animador turístico ao abeiro do novo Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos para este ano 2022.

ÚLTIMAS

Campionato de España de Taekwondo, o 4 de maio no Pavillón da Pinguela de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo técnico de Deportes do Concello,...

Bóveda construirá un miradoiro astronómico na Serra de Penas

O obxecto desta intervención consiste na creación dun miradoiro específico e especializado para observar...

Detido por tenencia e distribución de pornografía infantil despois dunha denuncia na Comisaría de Monforte

As xestións practicadas por parte da Comisaría de Monforte de Lemos arroxaron que o...

CSIF Lugo pide ao concello de Monforte que cumpra a lei e recoñeza aos seus traballadores os dous días de asuntos propios pendentes do...

CSIF lembra que o concello está obrigado a recoñecer este dereito dos seus empregados...