‘Tanquián’ dá a coñecer o seu proxecto ecolóxico na Pobra do Brollón

Este xoves, 28 de abril, terá lugar na Casa da Cultura do Concello da Pobra do Brollón unha nova charla inspiradora e divulgativa sobre proxectos que poñen en valor o rural.

Comunidade de Tanquián. Foto cedida.

O proxecto ecolóxico de ‘Tanquián’, no Concello de Pantón, dará a coñecer a súa experiencia na Casa da Cultura da Pobra do Brollón o vindeiro xoves 28 de abril na Casa da Cultura ‘Olga Novo’ a partir das 20:15 h.

Tanquián naceu hai tres décadas da man dun inglés e unha alemá que se mudaron a Pantón para crear un proxecto baseado nos principios da permacultura e da autosuficiencia alimentaria. Na actualidade, as novas xeracións fixéronse responsables da súa continuidade e evolución pero mantendo a esencia dos dous principios que os definen: produción ecolóxica e comunitaria.

As irmás May e Lily Baker chegan á Pobra do Brollón para falar do proxecto e das alternativas de vida que ofrece o rural galego. Tamén levarán unha mostra dos produtos que elaboran na súa ‘ecofinca de Tanquián’, en Pantón.

Este evento forma parte dunha serie de charlas que organiza o Concello da Pobra do Brollón nas que se pretende difundir propostas que poden inspirar proxectos novos no concello e axudar a fixar poboación no rural. A entrada é de balde e recoméndase facer reserva previa no 650624828, chamando ou enviando whatsapp.

Artigo relacionado co proxecto que publicou Xornal de Lemos no 2019.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here