12.000€ de axudas a asociacións sen ánimo de lucro para actuacións en servizos sociais en Monforte

O Equipo de Goberno aprobou a convocatoria anual de subvencións a entidades e asociacións sen ánimo de lucro, inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, que desenvolvan actuacións no ámbito dos servizos sociais no Concello de Monforte, durante o exercicio 2022.

Desescalada Monforte / XdL

Esta liña de axudas posta en marcha polo Concello de Monforte busca fomentar e apoiar o desenvolvemento de proxectos complementarios de servizos sociais comunitarios de entidades de iniciativa social, previamente inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, atendendo ó seu interese social, calidade, carácter innovador e articulación efectiva coa oferta pública de servizos sociais comunitarios.

A contía destinada a estas subvencións para actividades realizadas no ano 2022 ascende a 12.000 euros, sendo 2.000 euros a contía máxima de cada subvención. O importe máximo da subvención para cada proxecto ou actividade non poderá exceder do 70% do seu orzamento. O prazo de solicitudes estará aberto ata o 6 de xuño de 2022.

“Con estas axudas” sinala o Alcalde, José Tomé Roca, “dende o Goberno municipal queremos facilitar a estas entidades recursos para a inclusión social, para garantir a autonomía persoal e para brindar oportunidades sociais e educativas, así coma axudar a previr a aparición de dependencia, desigualdade ou desprotección a aquelas persoas máis vulnerables”.

Beneficiarios e requisitos

  1. Ter a súa razón social ou sede no Concello de Monforte de Lemos.
  2. Carecer de ánimo de lucro.
  3. Estar inscritas no Rexistro municipal de asociacións do Concello de Monforte de Lemos como asociación de clase asistencial.
  4. Estar ao corrente das súas obrigas tributarias co Concello, coa Seguridade Social e Axencia Tributaria.
  5. Non incorrer en ningún dos supostos de prohibición para obter a condición de beneficiario de subvencións públicas previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
  6. Que a actividade para a que solicitasen a subvención estivese prevista dentro dos obxectivos da entidade e acorde co establecido na base terceira das bases reguladoras e recollidos nos seus estatutos fundacionais e se realicen no termo municipal de Monforte de Lemos.
  7. Ter xustificado debidamente as subvencións municipais recibidas con anterioridade nos termos que se fixasen nas correspondentes convocatorias.

Son obxecto de subvención o desenvolvemento de actividades e proxectos de carácter social que teña como persoas destinatarias últimas calquera dos colectivos das distintas áreas de actuación propias dos servizos sociais, primando aqueles colectivos de persoas que por razón de índole económica, de saúde ou concorrencia de circunstancias sociais, étnicas ou culturais sufran especiais dificultades respecto da xeneralidade de poboación de precisen dunha atención específica para garantir o acceso a calidade de vida e participación social.

Incluirase con carácter excepcional na presente convocatoria o financiamento de actividades, material ou outros gastos extraordinarios ocasionados pola crise sanitaria do Covid-19 en relación co funcionamento dos centros e a realización de programas de inclusión social da súa titularidade.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here