A Feira do Viño de Pantón preséntase na Delegación da Xunta xa como Festa de Interese Turístico

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou este xoves que "a Feira do Viño de Pantón inaugura unha nova etapa co seu recoñecemento como festa de interese turístico galego, que suporá maior proxección para este evento tanto dentro como fóra de Galicia".

Presentación Feira do Viño Pantón / Delegación Territorial

O Consello da Xunta aprobaba o pasado día 21 de abril declarar o interese turístico desta feira en base ao seu arraigo, valor cultural ou singularidade, ademais de valorar aspectos como a contorna ou as infraestruturas e equipamentos con que conta para o seu axeitado desenvolvemento.

A cita de Pantón defínese polo carácter diferenciador da viticultura da zona, que vén dado pola súa situación xeográfica ao atoparse entre as ribeiras de tres ríos (Cabe, Sil e Miño), que producen uvas con características propias. A feira tamén foi innovando e medrando, e dende hai cinco anos suma a Romaría Festa da Empanada, que se celebrará o sábado, 14 de maio.

As casetas das adegas abrirán no recinto feiral o sábado ás 12.45 horas, e a inauguración correrá a cargo do delegado territorial. A continuación entregaranse os premios do VII Concurso fotográfico Red Ribeira Sacra-Viticultura Heroica. José Mouriño Cuba, membro da Academia de Gastronomía, ofrecerá o pregón o domingo ás 13.00 horas. Durante as dúas xornadas haberá animación musical e concertos e postos de artesanía.

Ademais, este ano habilítanse autobuses -con traxectos de ida e volta- que sairán desde Monforte de Lemos ás 13.00 horas e ás 19.30, e desde Escairón ás 13.45 e 20.15 horas. Para regresar haberá servizos ás 2.00 e ás 3.00 da madrugada.

Nesta edición da Feira participan 8 adegas: Alma das Donas, Casa Moreiras, Finca Míllara, Ciudáseis, Nogueiras, Capilla, Don Ventura e Corzoás. “Para nós volver a celebrar a Feira despois de dous anos e facelo sendo Festa de Interese Turístico de Galicia é unha gran satisfacción”, asegura o alcalde, José Luis Álvarez.

Nas dúas xornadas contarase con música durante todo o día, o sábado coas charangas Europa e Caliqueños e o domingo coas charangas Leña Verde e Unión Phenosa. Ademais o sábado a partir das 21:30 haberá un concerto do Grupo A Roda, seguido do Grupo Alcar para rematar ás 00:30 coa actuación do grupo La Penúltima Sabinera (Tributo a Sabina). A orquestra do domingo a partir das 19:00 será Solara.

Este ano Pantón non será a feira que peche o ciclo de feiras na D.O. Ribeira Sacra, farao Chantada do 3 ao 5 de xuño.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here