A licitación o SAF de Monforte ao que adica o concello 3,2M€ en dous anos

O Concello de Monforte abre este sábado, 14 de maio, o prazo de presentación de ofertas para a licitación do contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Casa do Concello Monforte / Concello de Monforte

O investimento alcanza os 3.201.277,64 euros (IVE incluído) para un contrato de 2 anos. Para este ano en curso, a partida que o Concello destinará para o SAF supón 1,6M€, o que significa o 10,75% do orzamento anual do exercicio 2022.

Dende o Goberno de José Tomé, aseguran que levaron a cabo unha análise pormenorizada e diversos estudos económicos, a fin de poder ofrecer un servizo o máis completo posible para as persoas que o necesitan.

O prazo para a presentación de ofertas a este servizo, logo da súa publicación na Plataforma de Contratos do Sector Público, estará aberto  ata o 13 de xuño de 2022.

Obxecto do contrato

O obxecto deste contrato do SAF é a realización do servizo de axuda no fogar do Concello de Monforte de Lemos, na modalidade de libre concorrencia e de dependencia, entendido tecnicamente como un servizo integral, polivalente, e comunitario, orientado a unidades familiares que presentan dificultades para a realización das actividades elementais da vida diaria. Proporcionándolles atención, mediante intervencións específicas que favorezan a súa permanencia e integración no seu entorno habitual, e compensen a súa restrición de autonomía funcional.

A forma de adxudicación do contrato será o procedemento aberto, no que todo empresario interesado coa habilitación necesaria como entidade prestadora do servizo poderá presentar unha proposición, quedando excluída toda negociación dos termos do contrato cos licitadores. A adxudicación do contrato realizarase utilizando unha pluralidade de criterios de adxudicación en base á mellor relación calidade-prezo.

O prezo base de licitación fíxase en termos unitarios (prezo/hora). Para o servizo básico, en horario ordinario, o prezo hora de licitación é de 18,95€ (co IVE incluído do 10%), e de 21,80€ (co IVE incluído do 10%) en horario festivo. Para o servizo de dependencia, en horario ordinario, o prezo hora de licitación é de 17,92€ (co IVE incluído do 4%), e de 20,61€ (co IVE incluído do 4%) en horario festivo.

O montante previsto de horas a contratar queda establecido nun total de 87.031,83 horas ó ano. Por modalidades, no servizo básico serán, en horario ordinario 16.108,73 horas/ano, e en horario festivo 217,55 horas/ano; no servizo de dependencia,  en horario ordinario 61.921,14 horas/ano, e en horario festivo 8.784,41 horas/ano.

O orzamento base de licitación do contrato por dous anos ascende a 3.201.277,64 euros IVE incluído. O prego inclúe ademais a posibilidade de dúas prórrogas dun ano cada unha polo que o valor estimado do contrato a 4 anos é de 6.402.555,28 ive incluído. Nos criterios de adxudicación puntuarase a oferta económica, o proxecto técnico e as melloras.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here