Máis próxima a futura comisaría da Policía Nacional en Monforte

O Concello ven de expedir a licenza de obra para que se inicien os traballos de construción da nova Comisaría da Policía Nacional en Monforte, logo de que os informes dos técnicos municipais validasen o proxecto presentado pola Dirección Xeral da Policía Nacional así como pola Inspectora Xefa de Monforte.

UAD Monforte / Concello de Monforte

A finais de decembro de 2020 acodábase a cesión gratuíta do inmoble municipal, coñecido como a antiga Casa de Socorro, ubicada nos números 73-77 da Avenida de Galicia, para que albergase a nova sede da Comisaría do Corpo Nacional de Policía de Monforte.

O informe técnico emitido dende a oficina de urbanismo municipal recolle que a reforma deste edificio para destinalo a Comisaría Local da Policía Nacional é compatible coas Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal vixentes.

Logo desta concesión inicial de licenza de obra, dende a Dirección Xeral da Policía Nacional deberá presentarse, con carácter previo á execución de calquera tipo de obra, o correspondente Proxecto de Execución, que deberá axustarse o proxecto básico presentado. O orzamento de contrata desta reforma ascende a 3.369.509,99 euros.

Características do inmoble cedido para a nova Comisaría da Policía Nacional

O inmoble que o Concello cedeu gratuitamente para albergar a nova Comisaría da Policía Nacional conta cunha superficie de terreo duns 2.282 metros cadrados, sobre os que se ubica unha superficie construída de 1.882 m2. O edificio está composto por un semisótano, unha planta baixa, unha planta alta e unha planta baixo cuberta.

Logo dun estudo pormenorizado da situación desta antiga Casa de Socorro, e atendendo as necesidades da nova Comisaría da Policía Nacional, para levar a cabo a reforma da mesma, optouse pola seguinte distribución:

  • Planta Sótano: Situaranse nesta planta dúas zonas claramente diferenciadas: un Área de detención, situada no espazo existente de sótano ó redor do patio interior nº 2 e unha Galería de tiro, proxectada nunha nova zona dentro da parcela e cuxa cuberta se aproveitará como zona de aparcamento exterior.
  • Planta Baixa: Nesta planta situaranse as Oficinas de atención ó público: Expedición de DNI-pasaporte, oficina de denuncias e atención ó cidadán; e o Grupo de seguridade cidadá.
  • Planta Primeira: Recolleranse nesta planta as zonas máis privadas da comisaría: Xefatura de comisaría; Grupo operativo local; Grupo local de información (SITEL); Grupo local de policía científica; e vestiarios así como aseos masculinos e femininos.
  • Planta Baixo Cuberta: Esta zona recolle os usos máis privados da nova comisaría: vivenda; e salas técnicas.

A reforma contempla ademais a implantación no patio interior nº 2 dunha nova escaleira, que comunicará as plantas sótano, baixa e primeira, resolvendo a evacuación en caso de incendios; e un ascensor, que comunicará todas as plantas do edificio, permitindo resolver a accesibilidade do mesmo. No proxecto contémplase a urbanización da zona de aparcadoiro, situada sobre a cuberta da galería de tiro.

O Alcalde monfortino, amosou a súa satisfacción por seguir dando pasos firmes para que “a Comisaría da Policía Nacional de Monforte conte cunhas novas instalacións, modernas funcionais e ó servizo dos cidadáns, en definitiva, que conte cunha sede propia, que estou seguro de que afianzará a presencia da Policía Nacional no noso concello”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here