Artesanía de Galicia no Courel do 3 ao 7 de agosto

Durante cinco días, Artesanía de Galicia no Courel contará con 11 obradoiros de iniciación a diferentes oficios como son a ourivería, o torno cerámico, o tecido, a restauración de mobles, a marquetería, a estampaxe, o bordado, a ilustración e a cestaría.

Artesanía de Galicia Courel / Delegación Territorial

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Fundación Artesanía de Galicia, organiza por segundo ano consecutivo o evento Artesanía de Galicia no Courel, co obxectivo de impulsar a divulgación e a posta en valor dos oficios artesanais, de visibilizar a marca Artesanía de Galicia e de fomentar o relevo xeracional no sector.

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, presentaron o evento, que se vai celebrar entre os días 3 e 7 de agosto en diferentes espazos do Courel e que conta coa colaboración do Concello de Folgoso do Courel e da Fundación Uxío Novoneyra. No acto, celebrado en Lugo, participaron tamén a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, a alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, e mais Uxío Novoneyra, representante da Fundación Uxío Novoneyra.

Heredia destacou que a demostración de oficios e os obradoiros abertos dirixidos a todos os públicos supoñen unha das vías máis efectivas para lle achegar á sociedade os valores que implica a artesanía, a marca Artesanía de Galicia e os oficios artesanais galegos.

A antiga escola unitaria de Parada acollerá do 3 ao 7 de agosto o obradoiro Iniciación á ourivería, impartido pola ourive Susi Gesto (Santiago de Compostela), en horario de 10:30 a 13:30 e de 16:00 a 18:00 horas, no que os asistentes traballarán as técnicas tradicionais para crear unha xoia de deseño libre; e o curso Restauración de mobles de madeira, a cargo de Sabela Fuentes e Xan Barcala, do obradoiro A Factoría Atelier (O Grove), en horario de 10:30 a 13:30 e de 16:00 a 18:00 horas, no que se dará nova vida ao mobiliario das antigas escolas unitarias do Concello.

No aloxamento rural A Carbiña celebraranse dous obradoiros de Estampaxe téxtil impartidos pola artesá e deseñadora Natalia Moreno (Baiona), no que os asistentes aprenderán a crear composicións harmónicas e o uso da cor para diversos deseños que estamparán de xeito artesanal sobre téxtiles naturais coma o liño ou o algodón. Posteriormente crearase un bolso cos tecidos estampados. A actividade desenvolverase en horario de 10:30 a 13:30 e de 16:00 a 18:00 horas, en dúas quendas, do 3 ao 5 de agosto e do 6 ao 7 de agosto.

O artesán restaurador de instrumentos musicais e luthier Régis Floury (Baiona) encargarase de impartir dous obradoiros de Iniciación á marquetería sobre unha caixa de madeira. Os asistentes aprenderán a construír un paquete con diferentes chapas de madeira, a partir dun debuxo escollido por un mesmo, e montar a marquetería encolándoa sobre a caixa para finalmente realizar os remates precisos. Os obradoiros celebraranse na Fundación Uxío Novoneyra en horario de 10:30 a 13:30 e de 16:00 a 19:00, haberá dúas quendas do 3 ao 5 de agosto e do 6 ao 7 de agosto. A inscrición para estas actividades – que terán un prezo de 20 euros – está aberta xa a través da páxina web da Fundación Artesanía de Galicia.

Obradoiros abertos

A programación de Artesanía de Galicia no Courel inclúe tamén unha serie de obradoiros abertos ao público adulto e infantil, de carácter gratuíto e para os que non é necesaria a inscrición previa. O obxectivo destas actividades é tratar de divulgar os oficios artesanais e todos os valores que implica o feito á man para que futuros consumidores entendan o valor engadido da artesanía e mesmo futuros profesionais do sector vexan a artesanía como un modo de vida.

No Centro Sociocultural Fondo de Vila celebraranse os obradoiros de cerámica e de tecido, do 3 ao 7 de agosto, en horario de 10:30 a 13:30 e de 16:30 a 19:30 horas. O ceramista Carlos San Claudio (Vigo) dirixirá o obradoiro de Iniciación ao torno cerámico, no que os participantes poderán elaborar no torno pezas de barro mediante as técnicas da olería tradicional galega.

Os artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera (Vigo) dirixirán o taller Aprendendo a tecer, no que amosarán as técnicas básicas para o manexo do tear e outros procedementos artesanais téxtiles fundamentais coma o fiado.

Na sede da Fundación Uxío Novoneyra celebraranse os obradoiros de ilustración e de cestería colaborativa, en horario de 11:00 a 14:00 e 17:00 a 20:00 horas. O debuxo. Unha ferramenta para tod@s estará impartido pola artesá Iria Ribadomar de Deica! Creacións (Santiago de Compostela) e nel aprenderanse os pasos que dar para comezar e adestrar o ollo e a man para poñelos ao servizo da creatividade. A cesteira Julia de la Cal, do obradoiro La Parabólica (O Porriño), dirixirá o obradoiro de Cestería colaborativa, no que se creará unha estrutura traballando entre todas as persoas asistentes empregando a técnica do tecido intuitivo.

No aloxamento rural A Carbiña terá lugar o obradoiro de Bordado sobre fotografía,  dirixido por Minia Banet de Variopinto (Santiago de Compostela), en horario de 10:30 a 13:30 e de 16:00 a 19:00 horas. Neste obradoiro os asistentes aprenderán a bordar sobre papel intervindo antigas imaxes da serra do Courel e arredores, empregando postais e fíos de bordado e creando texturas mediante diferentes puntos.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here