“Morcegadas” en Monforte e Montederramo os días 6 e 12 de xullo

O Proxecto Ríos, o programa de voluntariado ambiental en ríos coordinado pola asociación ecoloxista ADEGA, vai realizar no mes de xullo dous cursos de formación sobre quirópteros e bosque de ribeira, que se impartirá baixo o nome de “Noites de morcegos”.

Morcegada Montederramo / ADEGA

Estas sesións teñen por finalidade difundir e sensibilizar á sociedade sobre a importancia ecolóxica dos morcegos e realízanse en máis de trinta países de toda Europa a través do proxecto EuroBats (www.eurobats.org) que cumpriu 30 anos en 2021.

Os morcegos achegan grandes beneficios aos seres humanos como son a regulación da poboación de insectos (entre eles moitas especies praga) e son excelentes bioindicadores de diferentes tipos de ecosistemas, como no caso dos bosques de ribeira. Estudando as súas poboacións pódese detectar cambios na calidade ecolóxica da auga e tamén dos bosques de ribeira.

Quiroríos e ciencia cidadá

A primeira das sesións terá lugar o vindeio mércores 6 de xullo en Monforte de Lemos e a segunda desenvolverase o 12 de xullo en Montederramo. En horario de tarde-noite, ambas as dúas xornadas realizarase unha formación teórico-práctica sobre o programa de ciencia cidadá “Quiroríos” que en Galiza coordinan o grupo GEAS e ADEGA.

Quiroríos é un protocolo para o seguimento dos morcegos nos cursos fluviais como indicadores da calidade da auga e dos bosques de ribeira, aberto a calquera persoa que queira participar, pois non hai que ser unha persoa experta para facelo.

Dende o Proxecto Ríos de ADEGA ofrecen ao voluntariado ambiental a oportunidade de participar na mostraxe dos quirópteros da man de persoal experimentado. No desenvolvemento das dúas noites de morcegos, contarase coa colaboración de Xosé Pardavila de Sorex, investigador e especialista na xestión de fauna salvaxe.

A actividade conta co financiamento da Confederación Hidrográfica do Miño Sil. A inscrición é gratuíta e as prazas son limitadas para cada sesión formativa (ramses@adega.gal e 616 238 050).

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here