A Xunta inviste 1,5M€ na rehabilitación do IES Daviña Rey de Monforte

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou o centro para presentar o proxecto de mellora. As obras teñen un prazo de execución de cinco meses, comezarán en novembro, dado que son compatibles coa actividade lectiva ordinaria.

IES Daviña Rey Conselleiro Educación / Consellería Educación

Estas obras permitirán acadar un aforro enerxético medio de aproximadamente o 25% en consumo de enerxía primaria e en emisións de CO₂. “Deste xeito seguimos avanzando nos obxectivos do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que inclúen unha transformación das infraestruturas educativas para facelas máis respectuosas co medio ambiente”, destacou.

A actuación proxectada divídese en dúas partes. A primeira delas está centrada na eficiencia enerxética, para o que se colocarán novas fiestras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmico e vidro dobre baixo emisivo. Ademais, mudarase a actual cuberta por unha nova de panel con illamento de 80 mm de espesor, incluíndo a substitución de baixantes e canalóns; e aplicarase illamento nas fachadas e instalarase un novo falso teito. Non se renovarán as luminarias xa que o centro xa dispón de iluminación LED en todo o recinto.

A segunda parte da intervención contempla traballos diversos de reforma do instituto, entre eles labores de pintado, acabados e sinalización, entre outros.

IES Daviña Rey Conselleiro Educación / Consellería Educación

O conselleiro destacou que esta obra pon de manifesto o compromiso do Goberno galego coa renovación dos inmobles educativos. “Unha liña de actuación que estamos a desenvolver ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta que coloca a Galicia como a comunidade autónoma pioneira no deseño dun novo modelo de centros postcovid, con espazos máis amplos e máis eficientes e, sobre todo, adaptados ás necesidades do ensino do século XXI”.

Román Rodríguez lembrou, ademais, que no ámbito académico o IES Francisco Daviña Rey vén de incorporar novidades á súa oferta, en concreto o incremento de prazas no ciclo de grao medio en Coidados auxiliares de enfermería e a incorporación á oferta do máster de FP en Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías de operación.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here