Magostos rurais, unha convivencia interxeracional e moi enriquecedora

En Laiosa, no Incio, hai moitos anos que conservan a tradición de celebrar en comunidade o magosto. O encontro social e gastronómico deste ano será este sábado ás 21.00 h. no seu local social.

Magosto do San Martiño de Laiosa / Mari Armesto

A Sociedade Deportivo Cultural de Laiosa, creada a principios dos anos oitenta e cuns 150 socios/as, resiste diante da triste realidade do despoboamento rural e non perde a ilusión por dinamizar a súa contorna. Chegadas estas datas, unha cita obrigada é celebrar por todo o alto o ‘Magosto do San Martiño de Laiosa’. Falamos con Mari Armesto unha das organizadoras do evento, dinamizadora social e cultural e tamén a deseñadora do cartel, un cartel moi xeitoso e no que destaca unha suma que dá como resultado “alegría de vivir”…

Cartel do evento. Mari Armesto

Resulta difícil organizar actividades en lugares do rural como Laiosa? 

É terriblemente complicado malia a gran disposición  e vontade das persoas que xestionan e colaboran coa asociación. Loitar contra a falta de audiencias en xeral -despoboamento- , contra a resignación instaurada nas nosas mentes -desánimo/apatía-, a falta de medios e apoios -dende o financiamento das actividades até as precarias instalacións- e o non recoñecemento do traballo comunitario e dinamizador que fan as asociacións como xestoras culturais e de convivencia resulta moi complicado. Malia a todo, imos facendo cousiñas, unhas máis humildes e outras máis ambiciosas, e todo dende o voluntariado real e polo amor e compromiso que sentimos cara a nosa aldea. E xustamente por isto último, as actividades van saíndo e na fin somos afortunadas. As veciñas de Laiosa e arredores responden, participan, agradecen e axúdannos infinitamente a facer en común e desfrutar de propostas culturais, deportivas, de ocio… En tempos de tristura, a posta en valor da alegría ten que ser directriz ‘por moi ensoñado que poda parecer’.

No calendario de eventos que organizades, que importancia ten para vós o Magosto? 

O magosto é a actividade principal durante o outono e o inverno. Se ben en Laiosa durante esta época hai menos persoas, o magosto é un dos eventos máis agardados e queridos. É xa un imperativo histórico, unha actividade que leva moitos anos funcionando xenial e xustamente polo bo facer das persoas que  a organizan e traballaron nela sempre. É realmente fermoso ver como entre todos/as se conseguen crear momentos e rescatar tradicións das que xa non somos quen de desprendernos e que definen quen somos.

Cea no local social. Mari Armesto

Canta xente esperades reunir? 

O número é moi variado, temos sido case 100, o ano pasado fomos 80, imos ver que pasa este ano. O que si estamos é moi agradecidas polas persoas que participan e veñen cada ano.

Unha experiencia festiva tamén para xuntar varias xeracións ao redor das castañas asadas, non? 

Claro, no rural é imposible que se fagan guetos xeracionais. A convivencia entre persoas de diferentes idades é algo natural e moi enriquecedor. E si, as castañas son aínda un dos poucos produtos que gardan esa esencia, ese referente popular.

Cónstanos, por outros anos, que tedes actuacións despois da cea. Este ano hai algunha sorpresa? 

Pois cando a asociación pode sempre tentamos que a proposta gastronómica se acompañe dalgunha achega cultural. No rural, nas aldeas, tamén temos dereito a ter ó pé da casa pedaciños da grande riqueza artística, musical e cultural que temos no país. Nos últimos anos incidimos moito nisto, pero conleva un esforzo organizativo e económico considerable para nós. Este ano teremos un espectáculo de maxia a cargo do “Mago Carlos”, de aquí preto, Rubián, e colaborador de Hermanager Producións.

Mago Carlos. Foto: Emilio Romanos.

Visto o cartel do evento, para ser feliz chega temos que sumar: comer, beber e convivir ?

(Risas) Certamente non chega, o mundo anda cheíño de cousas feas e a situación na que se atopan moitas persoas, no cerca, pero tamén fóra dos nosos marcos é terriblemente dura e non debemos non ser conscientes. Sen embargo, pensamos que non é excluínte a conciencia con tentar argallar momentos de encontro e ledicia que nos fagan lamber un chisco as feridas.

A alegría de vivir son tamén esas pequenas cousas, e non por iso son cousas menores.

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here