IniciosociedadeJavier Varela: "Non me interesa a fama, prefiro quedarme co agarimo da...

Javier Varela: “Non me interesa a fama, prefiro quedarme co agarimo da xente”

O actor e presentador chantadino, Javier Varela, conduce a nova tempada do concurso “Gaña a túa sorte” nas mañás da Televisión de Galicia. Aproveitamos a ocasión para saber máis del e deste novo proxecto.

Publicado o

- Advertisement -

Non é doado facerse un oco no difícil mundo da farándula pero Javier Varela é un tipo deses que loita polo que quere poñéndolle sempre moita ansia a todo aquilo ao que se compromete. Sen abandonar a humildade autodefínese como unha persoa tenaz, cumpridora e optimista e abofé que o é; con traballo e constancia está conseguindo un dos seus soños, vivir da interpretación.

Varela empezou a formarse como actor en Compostela alá polo 2003 e dende ese ano foi participando en diferentes proxectos teatrais e audiovisuais. Meteu a cabeza na TVG e do 2011 ao 2013 presentou varios programas: “Polo chan” (2011), “Delincuentes torpes” (2012) e “Máis Galego” (2013). Nestes anos tivo ocasión de participar na mítica serie “Cuéntame” de TVE e xa entre o 2015 e o 2017 foi un non parar. Formou parte do elenco de ficcións galegas como “Pazo de familia”, “Urxencia cero” ou “Serramoura” e doutras de ámbito nacional en Antena 3 como foron “Amar es para siempre” e “El secreto de Puente Viejo”. No 2017, o seu ano máis esixido no laboral, aínda sacou tempo para presentar o programa concurso “Gaña a túa sorte” na galega.

O éxito máis recente, a participación en “Fariña”, serie na que deu vida ao Garda Civil “Aldán”.

Javier Varela en “Fariña” / Atresmedia

Na actualidade retoma o se papel de presentador conducindo a segunda tempada de “Gaña a túa sorte”, un concurso moi dinámico e divertido no que unha parella de concursantes se enfronta a un panel de preguntas de cultura xeral. Nestes primeiros días de emisión, de luns a venres e de 12:00 a 12:30 h, as audiencias están acompañando pois rozan o 9% de share tendo en conta a feroz competencia de Ana Rosa e Susana Griso.

Cando descubriches que a túa vida tiña que dirixirse cara o mundo da interpretación?

Desde sempre tiven moi claro que me gustaría vivir da interpretación, o que non tiña tan claro era se podería ser posible (risas). Con sorte, e sobre todo moito traballo, vivo con moita dignidade da miña profesión, o cal me fai moi feliz.

Preferencia polo cine, a televisión, o teatro, os monólogos…?

A preferencia sempre traballar no medio que che toque nese momento porque o máis importante para un actor é estar activo, sentirse vivo… no momento en que estás parado, empezas a perder oficio. Pero ben, se me concedes un desexo quedo co cine.

Saberías dicirme dalgún actor e/ou humorista famoso de Chantada? Ademais de ti, claro.

Esta téñoa moi clara. Seguro que hai moitos, o da fama é un termo que me parece aburrido e que non me interesa nada, prefiro quedarme sempre co agarimo da xente. Dito isto, tócame moi de cerca José Ramón Varela, (o pequeno da familia). Actualmente está formándose como actor na ESAD de Vigo, entre a súa constancia, o bo lugar onde se está formando e o seu talento, estou moi seguro de que conseguirá vivir da súa profesión, o cal xa me parece o maior dos éxitos.

Levas 2 anos envexables, “Amar es para siempre”, “El secreto de Puente Viejo”, “Serramoura”, “Fariña”… Gañaches a túa sorte (risas)?

Gañei, Gañei (risas). Está soando moito o teléfono e iso faime moi feliz porque sigo coa mesma ilusión do primeiro día. Con cada traballo que fago doume conta de que me queda moitísimo por aprender e teño moi claro que hai que seguir sendo responsable, honesto e sincero coa profesión día a día.

Repites como presentador do concurso da galega “Gaña a túa sorte”. Que novidades temos para esta tempada?

Repito, e estou moi feliz de traballar con produtores como Manolo de Tex45, unha persoa que coida a súa xente e que está sempre aportando ao equipo. Este ano temos un gran traballo de guión, aquí teño que destacar a figura de Jacobo Paz, sen dúbida o seu gran traballo fai posible que a audiencia se enganche ao programa e xoguen dende a casa. Hai un gran traballo de cásting, os concursantes son magnifícos (tamén na primeira tempada), a gran dirección de Abuja, mellorou tecnicamente moito esta tempada, pero sobre todo destaco o gran equipo de traballo que hai no plató. Grazas ao bo ambiente, a remar no mesmo barco… vemos un bo rollo que se transmite ao espectador.

Véseche moi ben como presentador, canto hai de espontáneo e canto de guión?

Pois moitísimas grazas. Intento ser eu mesmo, as preguntas están guionizadas e temos unha estrutura de programa pero a verdade é que me dan absoluta confianza. Digamos que un tanto por cento moi elevado do programa vai saíndo dunha forma espontánea e simplemente me deixo levar polos concursantes. Estou moi cómodo cando me deixan improvisar no concurso, penso que esa frescura é a clave do programa. Cada parella de concursantes é un mundo, e se os escoitas e fas que estean cómodos, pasan cousas marabillosas.

Cónstanos que atesouras valores como a humildade e o traballo. Moi galego e moi de Lugo, non?

(Risas) pois claro que si. Moi orgulloso deses valores que me ensinaron os meus pais. O señor Ramón Varela e a señora Isabel Sampayo son as persoas que me deron todo na vida.Simplemente aplico os seus consellos e a educación que me brindaron para intentar ser cada día mellor persoa (e agora mellor pai). A parte profesional da miña vida é moi importante, pero a miña familia e a xente que quero son o máis importante. Son consciente de que a maioría dos éxitos profesionais veñen sobre todo grazas á parella que teño. Se non che importa aproveito esta oportunidade para darlle as grazas a miña muller Laura Benito por todo.

ÚLTIMAS

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...

Campionato de España de Taekwondo, o 4 de maio no Pavillón da Pinguela de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo técnico de Deportes do Concello,...

Bóveda construirá un miradoiro astronómico na Serra de Penas

O obxecto desta intervención consiste na creación dun miradoiro específico e especializado para observar...

Detido por tenencia e distribución de pornografía infantil despois dunha denuncia na Comisaría de Monforte

As xestións practicadas por parte da Comisaría de Monforte de Lemos arroxaron que o...