O Incio xa ten postal para felicitar o Nadal aos veciños/as

O concello convocou un concurso de postais infantís cun gran éxito de participación e con traballos de moita calidade artística.

Postal gañadora, obra de Dana Rodríguez Campo.

Moitas foron as postais recibidas no VIII Concurso de Postais de Nadal que se puxo en marcha no Incio, concurso no que participaron un total de oitenta e catro nenos/as do Colexio Ricardo Gasset do Incio pero tamén do Colexio Antonio Fernández de Oural e o do concello de Samos.

Tal como apuntaba a alcaldesa Laura Celeiro a Xornal de Lemos, “a decisión foi moi difícil porque todas as postais eran fermosas”, pero algunha tiña que levar o primeiro premio e este correspondeulle a Dana Rodríguez Campo, de once anos, veciña de Eirexalba e alumna de sexto de primaria no Colexio Ricardo Gasset do Incio. A postal gañadora representa ao Apalpador entrando nunha casa pola noite e deixándolle castañas a unha nena mentres durme.

Coa postal gañadora o concello do Incio felicitará o Nadal aos veciños/as, sendo esta unha orixinal forma de ter un detalle con eles e de paso homenaxear á xoven veciña ilustradora.

Como agradecemento á implicación amosada polos pequenos/as nesta edición do concurso, e para premiar o esforzo de todos eles, o concello agasallará a todos os participantes cun diploma e un lote de material escolar.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here