Foliada e troula na Pobra do Brollón

Este sábado día 8 de decembro ten lugar a VIII edición dos Cantos de Taberna con 15 formacións participantes chegadas de diferentes puntos de Galicia.

As Macizas Centrais. Fonte: Ricardo Rodicio

O concello da Pobra do Brollón aporta 4 grupos este ano e o resto chegan das provincias de Coruña, Lugo e Ourense.

Os grupos participantes están convocados para o día 8 de decembro ás 16:30 h. que acudirán ao concello para coñecer os itinerarios que os levarán polos 6 establecementos que participaron esta semana no Concurso de Tapas. A partires das 17:00 h. comezarán xa os Cantos de Taberna 2018 coa previsión de que se alonguen ata as 23.00 h. pero xa se sabe que cando hai troula e foliada concretar unha hora de remate non é tarefa doada.

Os grupos ou ‘pandillas’ que amenizarán a edición deste ano son: Os Corenta e Chinco Boys, Searas, Con ton e son, As Recuncadas, Os Somontanos, Os Estoupafoles, Son do Mao, Sómosche D’hervas, Cantareiros da Unión, De Marcón pra riba, Skachacunchas, Os Tabernícolas, Os Amigos do Caldeiro, Os Parrandas e As macizas centrais.

Os Estoupafoles. Fonte: Ricardo Rodicio

A organización comenta que este ano as formacións participantes puideron chegar a 20, un auténtico récord, pero por mor de circunstancias varias ao final non poden acudir cinco delas.

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here