Yeray Suárez: “Soy un enamorado del pulpo con cachelos y de la aguardiente de herbas”.

Aínda que nos pareza que só emigramos os galegos, tamén hai xente doutros lugares que emigra, e casos de xente que decide vir vivir a Galicia. É o caso deste andaluz de Alcalá de Guadaíra que vive en Sarria e traballa en Monforte.

Yeray facendo unha queimada. Fonte: Y.S.

Yeray ten 29 anos, leva catro en Galicia e ten unha filla pequena froito da súa relación cunha rapaza galega. Quedamos con el nun momento de descanso no seu traballo en Monforte para coñecer a súa historia, de como abandonou a súa Sevilla natal para virse a vivir a Sarria. O rapaz aténdenos con interese, amósase simpático e nótaselle esa soltura e graza característica de moitos andaluces. Véselle feliz co cambio de latitudes, agradecido cos galegos/as e fálanos sen reparo de todos os temas polos que lle preguntamos. Non lle importa, ao contrario, pide que lle preguntemos en galego e descúlpase por non poder falalo.

Que se lle perde a un sevillano no sur de Lugo?

Coñecín a unha rapaza en Almería de vacacións e empezamos a quedar. Ela é de Sarria e as veces que vin visitala xa fun vendo que me gustaba tamén a zona. Despois, decidimos avanzar na relación e eu vin para aquí encantado.

Como valoras estes catro anos de estancia en Galicia?

Moi ben. Foi un contraste importante, ao principio o trato coa xente era moi frío pero co tempo, cando te van coñecendo, a xente de aquí ábrese. Os galegos que me vou encontrando son moi legais, á hora da verdade é difícil que te decepcionen, dan por ti o que poden.

Como o levas co galego?

Ben. Ningún problema nese sentido, a xente que vou coñecendo fálame a maioría español e máis sabendo que son de fóra pero eu pídolles que me falen en galego para aprender. É máis, estou apuntado no Celga para apréndelo.

Perdiches acento andaluz desde que estás aquí?

A min non me parece pero en Andalucía xa me notan algo. Dinme “se te está galleguizando el acento”.  E igual teñen razón, antes todo o mundo me sacaba por andaluz pero agora hai xente que pensa que son de Latinoamérica, venezolano ou dalgún deses países (risas).

Que me dis do festeiros que somos os galegos/as?

Impresionante (risas). Estoume dando conta que tedes máis festas que en Andalucía . Co clima e a imaxe que temos de vós fóra calquera diría…

E do sentido do humor que gastamos?

No tema do humor tamén me sorprendín ao empezar a vivir aquí. Tedes un sentido do humor moi particular…

A retranca, ti xa instalaches o programa para entendela?

Máis ou menos (risas). Agora xa case non se me escapa o dobre sentido co que falades.

Contento no aspecto laboral?

Si, eu traballaba na construción e agora levo xa uns anos na hostalería. Aquí en Monforte levo xa dous traballando nesta cafetería e non me podo queixar, trátanme ben.

Andalucía, feudo tradicionalmente socialista, é noticia actualmente pola baixada das esquerdas e subidas de partidos da dereita, incluso da dereita radical como Vox. Que opinas?

O PSOE levaba moitos anos no goberno e iso non é bo, crea vicios e clientelismo. Susana Díaz fixo unha “desfeita” e non cumpriu o que prometeu… No tema laboral hai moito que mellorar, moito paro, moita emigración e moita economía mergullada. Necesitábase un cambio…

Máis emigración e ‘economía mergullada’ que en Galicia?

Eu creo que si. Aquí vexo que hai pero alí moito máis, cóbrase gran parte do soldo en B e aquí, eu polo menos, non o vexo tanto. Emigración moita tamén, hai andaluces por medio mundo.

Curioso, ‘escapaches dun feudo socialista’ e viñeches dar a Sarria e Monforte, dúas cidades gobernadas por socialistas (risas). Curioso, non?

Pois nin pensara niso. Non estou moi ao día da política, coñezo Sarria e Monforte pero alterno pouco e tampouco estou ao día no tema político. Pero Sarria ten moito que mellorar tamén…

Que tal coa túa familia ‘de acollida’?

Fenomenal. Trátanme moi ben, e comida que non me falte (risas).

O tema da comida é sempre ‘trending tópic’ en Galicia, verdade?

Si, tío. Cómese moito, demasiado. Moita cantidade e comidas moi fortes.

Algunha anécdota con este tema?

A pouco de chegar a Galicia, fun comer á casa dos meus sogros. A sogra botoume de comer, e como comía todo seguiume botando. Eu, por educación familiar, teño por costume non deixar nada no prato e… xa vos podedes imaxinar. Acabei cunha indixestión impresionante, nin o almax puido con semellante empacho.

Coñecías a Ribeira Sacra? Que destacarías desta zona?

Escoitara falar dela pero sobre todo polos viños. Ao chegar aquí fun coñecendo algo e sorprendeume moito a paisaxe. Cando veñen amigos/as meus de Andalucía tamén se sorprenden co lugar, coa xene e co ben que se come e se bebe.

Yeray Suárez coñecendo Galicia. Foto cedida.

Cales son os teus pratos favoritos?

Sen dúbida algunha o pulpo á feira ou pulpo con cachelos. E tamén un bo chuletón que aquí a carne é moi boa.

Seica tamén che gustan os nosos licores, non?

Quen te ‘chivou’ (risas)? Pois si, estou namorado da augardente de herbas caseira. Teño un amigo, Carlos, que me trae unha impresionante.

Seguro coñeces a ‘morriña’ galega. Os andaluces tedes ‘morriña’?

Diría que teño morriña en dous sentidos. Cando estou aquí boto en falta a familia, os amigos e o clima; e cando estou alí pois xa estraño isto.

Que intercambio farías ente Andalucía e Galicia?

A Andalucía levaría o verde e a Galicia traería o clima e o carácter andaluz no relativo quitarlle ferro aos problemas e ao positivismo.

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here