IniciosociedadeMario Roldán, a persoa detrás do artista

Mario Roldán, a persoa detrás do artista

Monforte despide ao polifacético actor e titiriteiro nun funeral celebrado este 3 de decembro, despois de que falecera o día 2 no Hospital Comarcal de Monforte tras unha longa enfermidade.

Publicado o

- Advertisement -

Mario Roldán falecía aos 55 anos despois de varios anos de loita contra un cancro que se quixo facer tan grande coma el, pero que nunca conseguiu borrarlle o sorriso, nin quitarlle a retranca do mimo titiriteiro.

Todo Monforte lamenta desde onte a súa perda e cando digo todo Monforte, digo ben, porque a Mario coñecíao todo o mundo. Era persoa de estar na rúa, nos bares, nos actos,… coa xente. De feito, o cansancio do último ano da enfermidade, facía que andivera menos pola rúa, pero no verán fixérase cunha silla motorizada e estaba encantado indo daquí para alí. Dicía que metía a silla na furgoneta e baixaba en calquera sitio e así podía estar ao aire e saír da casa.

Mario Roldán, a persoa detrás do artista, quizáis non sexa un título moi atinado porque Mario era todo nun; o artista e a persoa eran o mesmo, porque cando un ten necesidade de expresarse faino con todo, e eso facía el. Tiña talento dabondo para vivir varias vidas e ter sempre algo novo que ofrecer.

Mario Roldán en Un gran hijo puta de Manuel Valcárcel para Los Árboles

Mario sempre dixo de si mesmo que era titirireiro e así comezou en 1982, en Santiago, co grupo de marionetas Trécola. Traballou no cine, no teatro e na televisión. Compañías como Teatro do Liló, Urgü y BluffTarabuleque Teatro contaron con el. Participaría en series de televisión como Galicia Exprés ou Mareas Vivas. En cine contaron con el, Xavier Villaverde para Finisterre, e José Luis Cuerda que sempre tiña un papel para o seu pefil e sempre o requería, como aconteceu en Los girasoles ciegos e en Todo es silencio.

Mario Roldán en Fame de Manuel Valcárcel

Xa máis vinculado a Monforte, Mario simultaneaba a súa faceta de titiriteiro, levando os seus espectáculos á rúa, coa de actor-produtor. Sempre vinculado ao mundo do espectáculo e da cultura, colaboraba con todo o que requerira da súa faceta de actor. No 1999 participou na curta Última Estación do realizador  monfortino Paulino Cadórniga. Anos despois protagonizou a curta Fame do fotógrafo monfortino Manuel Valcárcel e o videoclip, Un gran hijo de puta, premiado no Festival de Cans. Un traballo tamén de Manuel Valcárcel para o grupo Los Árboles. No 2014 foi o asesor de interpretación para a locución do documental, Cando foi a última vez que che contaron un conto?, de Némesis Audiovisual para o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

No 2015 Mario Roldán estreou a curta Entrecans, un traballo 100% Mario, rodado en Monforte con amigos, e onde Mario foi o actor principal, o guionista e o realizador. En outubro do 2016, cando xa se coñecía a súa enfermidade, o Cine Clube A Calexa homenaxeouno durante a celebración da Mostra de Cine, pola traxectoria e aportación ao cine na cidade do Cabe.

Homenaxe ao audiovisual monfortino / Cine Clube A Calexa

Tendo en conta a cantidade de profesionais vinculados co audiovisual en Monforte, Mario tiña unha teima: crear un centro de interpretación e formación audiovisual, un espazo multidisciplinar para formar aos mozos nas distintas fases da realización audiovisual; actores, músicos, cámaras, sonidistas,… Como paso previo a ese obxectivo impartiu un curso de teatro que no Casino Ateneo para unha ducia de persoas.

No 2016, 3 curtas rondaban a súa cabeza, tíñao case todo para comezar a traballar, o equipo, os actores, parte das localizacións,… faltáballe perfilar os guións que de seguro, rematou neste tempo. O caso é que o Tigre tivo ata o último momento, un plan, un proxecto, algo que facer, unha ilusión. A semente quedou plantada polo mellor xardineiro.

Panexírico

No funeral deste xoves Mario Roldán estivo acompañado por toda a xente que o quería. Rafael Saco adicáballe unhas palabras e dous emotivos poemas:

“Quero lembrarte vivo, coa forza que nos dabas a cambio de nada.

Quero lembrarte soñando camiños, ceibando gargalladas a cachón,

erguendo a moral da vasca, echendo o baleiro dun silencio.

Por moito que insistas non marcharás deiquí,

da túa casa, sempre aberta para nós,

a todas horas, sempre.

Ao Mario

Ao noso Tigre.”

No Mario, a súa natureza xenerosa e boa atopa un impulso libertario que constitúe a súa forma de estar no mundo.

Estivo activamente presente en movementos clave dos anos 80. A súa condición antimilitarista levouno a asumir un compromiso persoal co movemento da insubmisión e a finais dos 80 desenvolveu actividades relacionadas coa defensa da Confederación Nacional do Traballo, CNT.

Tumba de Mario Roldán / XdL

A presenza do Tigre transmitiunos sempre a cercanía do ideal e a enerxía ilusionada e optimista que nos impulsa.

“Como unha mañá fomos medrando xuntos,

tí atravesado por unha ilusión sincera

na decisión pola vida que merece ser vivida,

….

E agora meu querido amigo,

O teu calor e o teu sorriso

O afecto e a risa coa palabra e a lucidez que derruba a falsidade

da trama da vida que tí ben coñecías,

alén de toda representación antes de toda verdade.

Unha derradeira aperta

Unha derradeira mirada,

noso amigo,

noso irmán

para sempre.”

Funeral Mario Roldán / XdL

ÚLTIMAS

Campionato de España de Taekwondo, o 4 de maio no Pavillón da Pinguela de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo técnico de Deportes do Concello,...

Bóveda construirá un miradoiro astronómico na Serra de Penas

O obxecto desta intervención consiste na creación dun miradoiro específico e especializado para observar...

Detido por tenencia e distribución de pornografía infantil despois dunha denuncia na Comisaría de Monforte

As xestións practicadas por parte da Comisaría de Monforte de Lemos arroxaron que o...

CSIF Lugo pide ao concello de Monforte que cumpra a lei e recoñeza aos seus traballadores os dous días de asuntos propios pendentes do...

CSIF lembra que o concello está obrigado a recoñecer este dereito dos seus empregados...