Sober busca cartel para a XXXIX Feira do Viño

O Concello de Sober convoca o seu tradicional concurso de deseño gráfico co fin de elixir o cartel anunciador da XXXIX Feira do Viño de Amandi, que se celebrará os días 13 e 14 de abril de 2019.

Concello de Sober. Fonte: Concello

Os traballos deben de presentarse en formato A3, técnica libre e soporte ríxido para facilitar a súa exposición. Cada autor só poderá presentar un cartel. Para permitir o acceso a novo creadores, quedan exentas as persoas que teñan recibido o premio cando menos en dúas ocasións. 

Os deseños deben reflectir o espírito da Feira do Viño de Amandi facendo especial fincapé no sector vitivinícola e no noso patrimonio e cultura. O cartel gañador anunciará a Feira e será propiedade do Concello de Sober, quen poderá cedelo a terceiros. Os traballos presentaranse nun sobre pechado co lema do cartel, sen ningunha forma de identificación. Noutro sobre levará escrito o lema e no seu interior deberá conter os datos do autor, tales como o nome, o enderezo e o teléfono de contacto.

O cartel terá que levar de xeito obrigatorio os seguintes compoñentes: XXXIX Feira do viño de Amandi. Festa de Interese Turístico. Sober. A páxina web www.concellodesober.com e a data de celebración, 13 e 14 de abril.

A entrega de orixinais farase na Casa do Concello dende a data de convocatoria destas bases, o 7 de xaneiro, ata o día 22 de febreiro de 2019. O horario de entrega será de 10:00 a 14:00 horas. Tamén poden ser enviados por correo postal ao Concello de Sober. O xurado emitirá o seu fallo 10 días despois do peche da convocatoria. Establécese un premio ao traballo gañador valorado en 600 euros.

O gañador entregará unha copia do cartel en formato dixital que permita o seu proceso informático e inserirá os logotipos das entidades patrocinadoras facilitadas polo Concello de Sober para a súa publicación.

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here