Iniciosociedade"Pelexamos porque un viticultor na Ribeira Sacra teña o prestixio que ten...

“Pelexamos porque un viticultor na Ribeira Sacra teña o prestixio que ten un médico ou un mestre”, Roberto Regal, Enonatur

Publicado o

- Advertisement -

13 de xaneiro remata a cata urbana que se veu desenvolvendo en Taboada ao longo do Nadal. Unha iniciativa de Enonatur cos locais de hostalería da localidade. Cátanse ‘viños singulares ou de parcela’ de fincas dos concellos de Taboada, Chantada e O Saviñao. Todos eles son creacións de ENONATUR, proxecto que dirixe o recoñecido enólogo, Roberto Regal.

É a primeira vez que se desenvolve unha actividade destas características na Ribeira Sacra, como foi a experiencia?

Moi positiva, para nós moi positiva. Cúmprese o primeiro obxectivo de Enonatur, que é interactuar coa xente do concello. Estamos en Mourulle e queriamos interactuar coa xente de Taboada.

Enonatur nace no 2008 en Chantada, case 10 anos despois, que papel xoga Taboada no proxecto?

Temos viñas por toda a Ribeira Sacra e as primeiras elaboracións, de 2008 a 2015, fanse en Mourelos,  no Saviñao,… Aquelas instalacións fixéronse pequenas e en Taboada tiñamos unha adega case parada que cumpría os requisitos, nun sitio tranquilo, con intimidade. Un espazo máis virxe, con bastante preservación de variedades, cun modo de viticultura un pouco máis tradicional.

Mourulle, Taboada / Galiciamáxica

Todo isto o buscabamos tamén no proxecto; facemos viños moi naturais, de calidade, que marquen a diferenza en base á singularidade; que falen máis da Ribeira Sacra e sexan menos estandarizados.

Enonatur quere interactuar coa xente do concello dicías, pero fálanos do viño e da viticultura.

Enonatur nace con tres pilares fundamentais, preservar o medio ambiente, dinamizar a economía local e dignificar ao agricultor-viticultor.

É un proxecto de viticultura sostible, libre de herbicidas e químicos. É un servizo de finca e para outras persoas, coidamos a finca de modo ecolóxico, preservamos o medio ambiente. A xente vén aquí, come aquí, xera traballo aquí. Facémolo con xente profesional, desde o 2010 somos a primeira empresa na Ribeira Sacra e a segunda en Galicia.

Os viños que elaborades son ecolóxicos?

No fondo e na práctica sí, pero algúns aínda non teñen selo correspondente por temas burocráticos, principalmente.

Falas de traballar con xente profesional, falta profesionalización no sector do viño na Ribeira Sacra?

Nós escapamos dos xornaleiros que aínda existen, xente sen seguro, sen formación, sen vacacións. Dicilo parece absurdo, pero aínda é unha realidade e temos que cambiala de todo.

O que facemos son viticultores profesionais, viticultura ecolóxica de finca, viños para outras persoas (familias, empresas, restaurantes, grupos de cata, enófilos,…) Temos   unha serie de viños que consideramos atractivos e que non é fácil tomar en ningún sitio. Agora, con esta iniciativa, subímolos a Taboada, un viño a cada bar para que a xente os probe. Trátase de ir creando cultura de viño.

Cata urbana Taboada / Roberto Regal

E a xente que di?

A xente queda moi sorprendida polos viños e pode probar viños distintos. Moita xente ten o rexistro mental dun viño tradicional, nós collemos eses viños, con ese perfil, e subimos a calidade.

A xente proba os viños porque son diferentes entre sí, este é un dos valores do proxecto e iso a xente o valora; o feito de ir de viños por Taboada e probar un viño distinto en cada sitio.

Buscamos tamén que a xente se achegue a Taboada a probar os viños e darlle un pouco de vida á vila. É no concello no que estamos e tamén un concello bastante esquecido dentro da Ribeira Sacra.

A Ribeira Sacra vén de ser declarada BIC e os viños cada vez teñen máis sona. Está Ribeira Sacra vivindo un momento doce?

No mellor momento de promoción internacional, ata o dagora, no mellor momento de coñecemento da zona, non se están facendo os mellores viños. Eu creo que se avanzou moitísimo no desenvolvemento dun Consello Regulador, dunha promoción, dun Consorcio de Turismo, na posta en valor do territorio,… Pero fraqueamos na base, e a base é a viticultura, o recurso humano.

Hai datos demográficos demoledores e datos económicos demoledores con respecto á viticultura, que é polo que pelexamos nós, porque un viticultor en Ribeira Sacra teña o prestixio que ten un médico, un mestre ou un carpinteiro,… Que esté remunerado de xeito que poida facer unha viticultura que se traduza en viños singulares e de calidade. Estamos apostando por variedades, un territorio, unha paisaxe e creo que a preservación desa paisaxe vai a depender de que haxa recurso humano. E aí está a clave de buscar a dignificación do viticultor, que a xente o vexa viable, que se concrete nun modo de vida máis profesional, sen perder o modo de facer viticultura que había antes.

Esta fin de semana remata esta quenda da cata urbana de Taboada, aínda se está a tempo de degustar a un prezo estándar de 2,60 €, viños como LAGAR DO VENTO 2017, mellor Ribeira Sacra tinto xove 2017; GAELA OS QUEIXEIROS, 2 veces medalla de ouro Gran Patrimonio, NOMAD FINCA AS CARNEIRAS 2015, da colección persoal do viñador italiano Giuseppe Egitto ou pezas da colección Neno da Ponte como NENO DA PONTE ‐FINCA SAMPAIO, entre outros.

ÚLTIMAS

Literatura, foliada e caldo en Saa, na Pobra do Brollón

Este sábado 30 de marzo á tardiña o Concello da Pobrado Brollón e a...

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...