200.000 euros para ampliar as instalacións do IES Val do Asma de Chantada

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, estivo no centro para manter un encontro cos representantes da ANPA e do equipo directivo co fin de explicarlles a intervención prevista e os prazos para rematar as obras.

Balseiro coa ANPA e Directiva do IES Val do Asma. Fonte: Prensa da Xunta

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional destinará 200.000 euros para acometer obras de ampliación e mellora das dependencias dos ciclos formativos de grao superior de formación profesional dual. Estes ciclos desenvólvense no Instituto de Educación Secundaria Val do Asma de Chantada en colaboración coa cadea hoteleira Hotusa, empresa que está dinamizando o mercado laboral nesta vila.

En concreto, construiranse dúas novas aulas cun núcleo de aseos, cunha superficie aproximada de 130 metros cadrados útiles próxima aos talleres existentes. Actualmente estase traballando na elaboración do proxecto coa previsión de licitar as obras este mesmo ano para que se executen no vindeiro curso.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que a Consellería de Educación aposta pola formación profesional para a mellora dos niveis de inserción laboral da mocidade e valorou así mesmo a modalidade dual do centro educativo chantadino que combina a formación curricular nas aulas coa formación complementaria que ofrecen as empresas colaboradoras.

Balseiro sinalou que as obras no Val do Asma están enmarcadas no plan de dotación de infraestruturas educativas 2016-2021 e gabou a boa marcha do IES chantadino pola súa oferta formativa: formación profesional básica de mantemento de vehículos, un ciclo de grao medio en electromecánica de automóbiles e outro superior en administración e finanzas, ademais das etapas de ESO e Bacharelato; e tamén pola súa participación en distintos programas da Consellería de Educación e programas educativos europeos como o Erasmus.

O delegado lembrou para rematar que a Consellería de Educación destinou nos últimos meses máis de 112.000 euros a obras de mellora dos catro centros educativos de Chantada, o propio Val do Asma, coa distribución de espazos para a FP básica, así como o IES Lama das Quendas, e os colexio Xoán de Requeixo e Eloísa Rivadulla, onde se acondicionará proximamente unha soleira para parque infantil.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here