Concentración no Hospital de Monforte para denunciar o “desmantelamento da sanidade pública”

As concentracións, convocadas polos sindicatos CCOO, UGT, PROSAGAP E CIG-SAÚDE terán lugar todos os martes ás 12.00. Na deste martes, participaron, ademais, representantes socialistas como o Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, concelleiros, voceiros e militantes da zona sur da provincia.

Concentración Hospital de Monforte /PSOE provincial

Na concentración deste martes denunciábase non ter oncólogos propios, contar cun único dixestivo, que na maioría de servizos só hai un facultativo especialista como en alergoloxía, endocrinoloxía, dermatoloxía… As protestas tamén recollen que hai listas de espera para facer probas básicas en cardioloxía, resonancias e revisións; que se necesitan máis enfermeiros e celadores, un técnico de laboratorio para o servizo de urxencias e restablecer o médico rehabilitador.

Denuncian tamén que o Sergas dotou ao centro dun servizo de esterilización pero sen persoal especializado, a supresión do teléfono interno para avisar aos facultativos e a derivación de pacientes a centros privados para terapias de fisioterapia ou logopedia.

Tomé Roca subliñou que o PP “estanos quitando, a toda a zona sur da provincia, servizos sanitarios paulatinamente. Primeiro foi a supresión da área sanitaria para centralizala na cidade de Lugo e así restarnos autonomía e competencias e agora é coa falta de persoal para poder atender correctamente aos veciños no Hospital Comarcal. O Sergas está xogando coa saúde de máis de 60.000 lucenses debido ás políticas de recortes. Dende o Partido Socialista seguiremos defendendo unha sanidade pública, gratuíta e de calidade á que temos dereito como cidadáns.”

Os socialistas denuncian tamén, que o centro de saúde de Monforte de Lemos tamén está sendo desmantelado pola Xunta. Aseguran que nos últimos 4 anos a Xunta amortizou 2 prazas, unha por traslado e outra por xubilación, quedando 12 médicos cando antes había 14. Isto provoca que na actualidade os profesionais atendan unha media de 60 persoas nunha soa mañá. Só hai 3 pediatras para atender aos máis de 2.200 nenos de Monforte de Lemos, Sober e Pantón. Isto supón unha lista de espera de máis de 10 días para que as familias sexan atendidas. Os profesionais tamén se queixan da falta de material para facer curas.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here