IniciosociedadeHai vida máis alá de 'San Valentín'

Hai vida máis alá de ‘San Valentín’

Dende os anos 90 hai unha nova tradición, o ‘San Solteirín’, que naceu como resposta ao ‘Día dos Namorados’. Nun comercio de Monforte reivindican este día e dan que falar pola orixinalidade do seu escaparate. Falamos desta iniciativa con Isabel, a propietaria.

Publicado o

- Advertisement -

Ás veces vai ben camiñar despistado e sen rumbo polas cidades ou vilas da nosa contorna pois podemos atopar situacións e xente que nos dan a anécdota do día e nos fan pasar un rato agradable.

Así foi como, despois de ver o “reclamo do Día Mundial do Solteiro” no escaparate dun comercio monfortino, entrei felicitar á propietaria do negocio pola iniciativa e o seu sentido do humor.

Rexenta a tenda de agasallos, Isabel Rodríguez, “Isa” para os amigos/as. Unha rapaza que no pouco tempo que falamos con ela xa nos demostrou ter unha gran simpatía, moita creatividade e sentido do humor.

Isabel Rodríguez, propietaria da tenda / XdL

Cando abriu ‘Galaecia’ en Monforte e con que idea?

Abrimos o 4 de xullo de 2015 no Cardenal pero mudámonos e levamos algo máis dun ano aquí na Praza Doutor Goyanes. Aquí estamos moito máis contentos.

A nosa idea era ter unha tenda de agasallos orixinal e divertida, sempre tirando polo noso, polo produto galego e traballar con marcas galegas como ReiZentolo, Nikis Galicia ou OZOCO GZ.  Tamén tivemos claro dende o principio que queriamos ofrecer un lugar onde poder entrar sen idea de que agasallar e atopar algo diferente para sorprender a alguén. Agora, pouco a pouco, ímonos adaptando ao que nos vai pedindo a xente.

Unha tenda de agasallos diferente?

Non me gusta o ‘postureo’, nin o típico, nin o de sempre, e iso demóstrase coas cousas que vendo. Ti entras e, aínda que nese momento non merques, pasas un rato divertido lendo as mensaxes das camisetas ou as tazas, ou te sorprendes con cousas tan curiosas como unha goma de borrar que en realidade é un estoxo ou un sacapuntas que serve para afiar cenorias…

Trece de febreiro, día da solteira e do solteiro. Unha iniciativa alternativa?

Si, descubrín que este día se celebra o “San Solteirín” grazas a unhas amigas e fíxome graza. Así que collín a idea e no meu escaparate fíxenlle ‘un guiño’ ao programa de citas da tele.

Seica os solteiros comezaron a celebralo aló polos 90 para contrarrestar o día dos namorados, xa que nese día sentíanse coma fóra de lugar, desprazados… Querían demostrar que estar solteiro ou solteira tamén é un motivo de celebración, de sentirse orgulloso/a dun mesmo e ser feliz.

Estou casada e debería celebrar San Valentín -ao marido non lle parece mal (risas)- pero é que non me gustan nada os “corazoncitos e o cursi” deste día. Así que decidín facer algo diferente e homenaxear a todos os solteiros e solteiras. O auto-agasallo é unha moi boa opción, sabes que así sempre acertas e todos nos merecemos un agasallo de vez en cando, non?

Escaparate de Galaecia en Monforte / XdL

Algunha anécdota de hoxe co “reclamo do día do solteiro” que puxeches no escaparate?

A verdade é que chamou moito a atención. Sacáronse fotos para as redes e o certo é que me preguntaron moito por el. A maioría da xente non sabe da existencia deste día e é algo co que moitos se senten identificados, que xa están cansados das típicas frases de “e a moza pa cando?” ou “este meu fillo vaime deixar sen netos”. O certo é que están solteiros/as e son felices, non necesitan nada máis.

Para mañá, día dos namorados/as, tes agasallos que podan encaixar?

Se non veñen buscando cousiñas “cuquis” claro que teño, e se non facemos que encaixe! (risas). Calzóns, calcetíns, tazas, camisetas… ou un ramo de rosas de peluche, que eses non murchan. Tamén teño pendentes, colgantes e aneis en prata e algunha cousiña en coiro. Hai onde escoller!

No tempo que levas coa tenda, que che está funcionando máis? 

Penso que as camisetas. É un agasallo co que ‘maloserá non acertar’, non? De feito, sei que aquí en Monforte son coñecida como “a tenda das camisetas” (risas), pero cando veñen descobren que temos moito máis, e moito máis que teremos. Estamos pendentes de que nos entren uns artigos que realmente son diferentes, frikis e orixinais. Xa veredes…

Costa darse a coñecer nunha vila como Monforte?

Máis que darse a coñecer costa encaixar e fidelizar… Ao ser unha cidade pequena  todo o mundo sabe que tenda nova abre ou o que se vai montar nese local, pero dános moito medo entrar e simplemente mirar.

Cres, de verdade, que nos dá vergoña entrar, igual para nada?

Creo que a xente non sabe que non é necesario ter idea do que quere mercar para entrar nunha tenda. Ás veces a inspiración chega no momento, sobre a marcha. Vendo, falando e preguntando, ás veces créanse posibilidades e inspirámonos para comprar algo que nos encaixe. Nós estamos encantados de ter xente que entra e sae aínda que non merque nada.

Un dos escaparates interior da tenda / XdL

Como cres que pode competir o comercio local coa venda on-line e as grandes superficies?

É imposible facerlle competencia, sobre todo en canto a prezos, así que xogamos as nosas cartas dándolle charla aos clientes, demostrándolle que nos preocupan, que os escoitamos, que facemos o imposible para que queden satisfeitos coa compra. A min encántame ir de compras por Monforte e charlar con este que tamén ten un neno, o outro que tivo un problema, aquela que non ten ganas ningunhas de traballar hoxe… É moi bonito ir pola rúa saudando a clientes e a outros comerciantes, sénteste na casa.

Por sorte, xa hai máis dun que entra pola porta e dime “Isa, teño un problema, teño que facer un agasallo e non teño nin idea de que lle podo regalar a…” e pasamos un rato pensando e mirando ata que ao final conseguimos algo. Son momentos de charlas e risas que, despois dun longo día de traballo que ao mellor tivo esa persoa, sempre sentan ben.

ÚLTIMAS

Bóveda construirá un miradoiro astronómico na Serra de Penas

O obxecto desta intervención consiste na creación dun miradoiro específico e especializado para observar...

Detido por tenencia e distribución de pornografía infantil despois dunha denuncia na Comisaría de Monforte

As xestións practicadas por parte da Comisaría de Monforte de Lemos arroxaron que o...

CSIF Lugo pide ao concello de Monforte que cumpra a lei e recoñeza aos seus traballadores os dous días de asuntos propios pendentes do...

CSIF lembra que o concello está obrigado a recoñecer este dereito dos seus empregados...

Raquel Arias: “É inxustificable que Tomé ignore as 1.000 sinaturas que reclaman a Unidade de Atención Temperá para Monforte”

Segundo os populares, Monforte é o único municipio da comarca sen este servizo, provocando...