Comezan os desfiles de entroido

Varios concellos do sur de Lugo preparados xa para as primeiras cabalgadas de carnaval.

Carroza do desfile 2018 en Ribas de Sil. Foto: Concello

Este sábado día 2 de marzo varios concellos organizan desfiles e festas de entroido no núcleo urbano das súas capitalidades.

O Concello da Pobra do Brollón ten previsto a saída do seu desfile de carrozas e comparsas ás 17:00 h. polas rúas da Pobra con saída no cruce da estrada de Saá. Amenizará a ruada a charanga ‘Mil9’ e a entrega de premios realizarase na Casa da Cultura Olga Novo.

En Sober celebran o XIII Baile da Cachucha con desfile da comparsa polas rúas da vila comezará ás 17:30 h. A continuación, no Pavillón CEIP Plurilingüe Virxe do Carme, sobre as 18:30 h. troula para todos, especialmente para os máis pequenos/as, con música, inchables, xogos e merenda, Ás 19:30 h. desfile de disfraces, premios para os mellores e degustación de cachucha e viño para todos/as participantes.

No Concello do Incio, o desfile será tamén este sábado 2 de marzo na Cruz do Incio, tendo prevista a saída para as 17:30 h. diante da Residencia de San Rosendo. As comparsas participantes de máis de 5 membros recibirán un lote de productos do Incio.

Ás 18:30 h. está programada unha degustación gratuíta de chocolate e orellas de entroido na Praza do Concello e tamén xogos para os máis pequenos/as con actuación do Grupo Innovación. A cea de entroido, evento que organiza a Comisión de Festas do incio, será no Mercado Gandeiro ás 22:00 h. En caso de choiva as actividades da tarde trasladaranse ao Pavillón do Colexio.

Outro concello que escolle este sábado para o desfile é o de Ribas de Sil. A saída está programada para as 17:30 h e o traxecto da ruada trasncorrerá dende o Polideportivo Municipal de San Clodio ata a Praza do Concello onde se fará entrega dos premios ás mellores comparsas. A continuación gran baile e chocolatada para participantes e asistentes.

Carroza vikinga en Ribas de Sil 2018. Foto: Concello

Sen desfile pero con festa no Centro Sociocultural celebrará o Concello de Bóveda o seu entroido 2019. A partir das 17:30 h. haberá baile con animación, chocolatada e concurso de disfraces con diferentes premios.

Para o domingo día 3, ás 17:00 h. está programado o desfile que organiza o Concello de Quiroga. A saída terá lugar da da Rúa Piscinas para percorrer a Rúa Real ata a Casa do Concello onde rematará coa entrega de premios aos gañadores no baile de disfraces.

Está previsto que participen unhas seis comparsas, que superan en total  os  douscentos participantes. Ao remate do  desfile,  está  programado un baile de disfraces, amenizado polo dúo Explosión, e unha gran chocolatada para todos os asistentes, na Rúa Real.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here