Láncara busca cartel para a Feira da Tenreira Galega

O concello convocou o premio de deseño gráfico co fin de elixir o cartel anunciador desta celebración anual de referencia.

Feira da Tenreira Galega (2017). Foto: Concello

A XXI Feira de Degustación da Tenreira Galega, programada para o día 1 de maio na Pobra de San Xiao, procura imaxe gráfica para anunciala co cal a Xunta de Goberno Local vén de aprobar as bases para concorrer ao concurso.

Poden concorrer os autores e autoras que o desexen con traballos orixinais, de técnica libre e presentar o número de obras que consideren oportunas. Como é lóxico os deseños deben contribuír a exaltar o Concello de Láncara e a súa feira gastronómica da tenreira galega. No cartel deberanse incluír necesariamente o nome do evento, o lugar, o día e tamén o escudo do concello.

O prazo de entrega remata o 1 de abril e os traballos realizaranse preferentemente en formato dixital jpg pero tamén se permitirá a entrega do cartel en soporte físico -cartel montado a sangue sobre cartón pluma de 5 ou 10 mm e a cunhas dimensións de 50X70 cm-. Pode facerse chegar por correo postal certificado dirixido ao Concello de Láncara ou persoalmente en soporte físico, CD ou lapis de memoria.

A presentación das creacións será de forma anónima e identificándose cun lema, debendo acompañar xunto coas propostas: os datos persoais en sobre pechado no que figurará por fora o lema, copia do DNI e unha declaración xurada de autoría e de que a obra é inédita.

O autor ou autora do cartel que resulte gañador recibirá un premio en metálico de 300 euros e deberá facilitar ao concello as adaptacións necesarias para poder transformar a obra aos formatos que fosen necesarios para poder reproducila.

Nas bases, que se atopan no taboleiro de anuncios da web do concello con data 8 de marzo,  tamén se contemplan algúns casos de exclusión de obras: por incumprimento das bases, por inclusión de datos falsos, cando as creacións non se axusten ao tema do evento ou nos supostos en que os deseños non sexan nin orixinais nin inéditos.

Os carteis presentados a concurso quedarán de inicio en poder do Concello de Láncara, o gañador será o que se empregue como cartel anunciador e o resto serán expostos nas redes sociais durante un mes. O premiado pasará a ser propiedade do concello, que se reserva todos os dereitos de explotación sobre o mesmo, e os outros poderán ser recollidos no prazo de 15 días dende que remate o tempo de exposición devandito. De non facelo, contémplase que pasen a ser propiedade do propio concello.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here