Adxudicada a construción dunha rotonda en Bóveda

A glorieta construirase na capitalidade do concello, concretamente no cruce entre as estradas LU-546 e a LU-652.

Cruce das estradas LU-546 e LU-652 / Google

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar o proxecto para asentar unha glorieta no Concello de Bóveda, no cruzamento entre as estradas LU-546 -que une Lugo e Monforte- e a LU-652 -en dirección a Quiroga-. A redacción do proxecto adxudicouse en 180.000 euros e o prazo para a entrega é de catro meses.

A obra ten como obxectivo reducir a sinistrabilidade nese punto, cruce de camiños que conecta varias localidades da zona, que actualmente non ten tanto tráfico como hai anos dende a posta en marcha do corredor pero que dá un importante servizo a veciños e veciñas da comarca.

A Xunta pretende así dar solución a un risco innecesario e máis despois de ter detectado que a maior parte dos accidentes que teñen lugar nese punto danse por colisións frontolaterais por despistes no stop. Con esta rotonda incrementarase a seguridade viaria facendo máis visible a intersección para os condutores e obrigándolles ademais a reducir a velocidade. A seguridade aumentará tamén para os peóns que terán pasos nas dúas estradas para favorecer a mobilidade e acceder, no caso dos veciños e veciñas, a lugares de Bóveda que quedan do outro lado do cruce onde se sitúa o antigo Hotel Arcadia.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta xa introduciu melloras no cruce o pasado ano para reforzar a sinalización que advertía da presenza da intersección e da obriga de respectar o sinal de stop; en concreto, instaláronse paneis luminosos e bandas transversais de alerta.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here