Monforte empeza a promover a súa XVII Feira Medieval

Esta mañá presentábanse á prensa dous dos elementos relevantes para promocionar o evento, o cartel anunciador e un video. Nos dous casos, os traballos foron realizados por monfortinos.

Presentación de cartel e vídeo da XVII Feira Medieval de Monforte / XdL

O Alcalde, José Tomé, acompañado da Concelleira de Cultura, Marina Doutón, do produtor Iván Patiño e do deseñador Xosé Carlos Quiroga, daba a coñecer a campaña promocional da décimo sétima edición da Feira Medieval de Monforte, evento que terá lugar os vindeiros 20 e 21 de abril.

Como autor do cartel anunciador repite o deseñador monfortino Xosé Carlos Quiroga cunha obra que, segundo palabras do alcalde, representa moi ben a filosofía do que se buscaba destacando, ademais de lugares emblemáticos de Monforte -TAU, Muralla, Igrexa da Régoa ou Torre da Homenaxe- a presenza central da muller. Ademais, na imaxe deste ano aparece unha aguia real, protagonista tamén nestes últimos tempos na contorna pois dise que aniña no territorio da Ribeira Sacra. Xosé Carlos, na súa quenda de palabra engadiu que efectivamente, no cartel preténdese dar protagonismo á muller, neste caso no contexto da noite festiva do sábado co lume como elemento característico e tamén a aguia pola actualidade que refire a presenza desta ave por estas paraxes e tamén porque a cetrería vai ser especialmente espectacular nesta edición.

No que respecta ao vídeo promocional, cuarto que se realiza coa función de dar a coñecer o evento e ser un atractivo potente nas redes sociais, Tomé comentaba que a idea do actual Goberno foi desde o principio facer cada ano un e que non fose sempre igual, que cada ano houbese algún elemento diferenciador. O ano pasado, por exemplo, a intención do mesmo era meter literalmente ao espectador na festa, na celebración, mentres que este ano vai enfocado a contar unha experiencia, unha pequena historia. O vídeo amosa un camiñante ou un peregrino que chega a Monforte e atopa unha festa e un ambiente moi acolledor. Con esta representación, refire o alcalde, ponse en valor a historia e a esencia de Monforte e o protagonista transmite ao contar a súa experiencia que os monfortinos/as son xente hospitalaria e que paga a pena volver a esta terra.

O enfoque que se lle quere dar ao traballo audiovisual deste ano, obra da produtora monfortina Amanita Films, é presentar a Monforte como “unha ponte no camiño” con toda a carga simbólica que se lle pode dar neste caso á ponte medieval monfortina, lugar central da filmación. Segundo abondaba Iván Patiño ao falar do seu traballo “a idea era crear un conto visual”, de como un camiñante ou peregrino entra en Monforte por esa ponte e atópase con experiencias e cousas marabillosas, motivos de sobra para volver noutra ocasión.

Iván Patiño, de Amanita Films, comentando o vídeo promocional / XdL

As imaxes do vídeo foron filmadas na Feira Medieval do pasado ano e o texto que constitúe o fío narrativo é obra do cineasta galego Luís Avilés Baquero, fillo do ilustre escritor de Noia, Antón Avilés de Taramancos, ao que Monforte ten dedicada unha rúa. O actor que representa ao camiñante-peregrino protagonista do vídeo que chega a Monforte cruzando a Ponte Medieval, é Miguel Borines, un actor vigués con dilatada traxectoria interpretativa en cinema e televisión.

Presentados estes dous elementos básicos relacionados coa imaxe e proxección da Feira Medieval, o rexedor monfortino destacou que a campaña publicitaria que se vai facer será igual de intensa que a do ano anterior. Lembrou neste punto, sen poder ocultar contrariedade, que “malia que a Xunta de Galicia non concedese a Monforte a declaración de feira de interese turístico galego, exclusivamente por motivos políticos…” o evento será un ano máis un éxito e se o goberno local repite mandato en 3 anos xa non haberá escusa de ningún tipo para que a Feira Medieval teña xa este recoñecemento.

Tomé, no que respecta a despregue publicitario, referiu que haberá insercións publicitarias en medios locais, provinciais e autonómicos, xornais dixitais e tradicionais e tamén en emisoras de radio. Así mesmo, farase reparto de carteis por establecementos comerciais e con encargo de reparto a nivel comarcal e nas principais cidades de Galicia. Igual que se fixo o ano anterior tamén se publicitará na Feira do Viño de Sober os días 13 e 14 de abril e o vídeo difundirase a través do mupi do Cardeal, da web e redes sociais do concello e tamén dende a web do Eixo Atlántico. Este organismo vaise encargar de distribuílo ós 38 concellos que conforman a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Finalmente o rexedor adiantaba que hai unhas 150 solicitudes para postos comerciais pero que seguramente teñan cabida máis sendo posible que este ano se alcance o récord de participantes no mercado medieval. Dado este crecemento, e seguindo a liña do ano anterior, está previsto aumentar o espazo na zona das Clarisas e do Campo de San Antonio.

A programación oficial da Feira Medieval 2019 darase a coñecer os días 6 e 7 de abril, pechada a asignación de postos e aproveitando a celebración do mercado medieval xa clásico que se celebra nas datas indicadas na Praza de Abastos de Monforte.

Cartel Anunciador. Obra de Xosé Carlos Quiroga

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here