IniciosociedadeCraega recolle o XIX Premio Aresa

Craega recolle o XIX Premio Aresa

O presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Francisco López Valladares, recolleu o galardón no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo.

Publicado o

- Advertisement -

Na mesa presidencial do acto de entrega do Premio Aresa, este pasado venres, estiveron o reitor da USC, Antonio López Díaz; o conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galicia, José González Vázquez, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, aos que acompañaron os membros do xurado desta edición, a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; o ex director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva Rodríguez, e o director xeral de Capsa Food, José Armando Tellado Nogueira.

José Manuel Silva ofreceu unha conferencia maxistral baixo o título “A produción ecolóxica. Dun mercado testemuñal a unha tendencia irreversible”. Na mesma, Silva Rodríguez subliñou a radical evolución da produción ecolóxica, cun crecemento nestes últimos dez anos dun 60 % pasando de 6 a 33 millóns de euros o valor dos produtos ecolóxicos na Unión Europa entre os anos 2000 e 2017.

Despois da conferencia tivo lugar a lectura da acta co fallo do xurado por parte da secretaria, a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto. O reitor da Universidade de Compostela e o presidente de Aresa entregaron o premio consistente nunha placa conmemorativa e 10.000 euros.

O conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, felicitou ao Craega polo recoñecemento recibido xa que “xoga un papel fundamental na expansión da agricultura ecolóxica” e definiu esta produción como “a agricultura do futuro pola súa oferta de produtos sans e saudables, de máxima calidade e concienciada coa nosa contorna”.

O reitor da USC, Antonio López Díaz, clausurou a gala agradecendo ao público a súa presenza, felicitando ao Craega como gañador desta edición e destacando o labor de todas as candidaturas que se presentaron a esta edición, pois “son todas un gran exemplo da posta en valor do rural”, dixo.

Francisco López Valladares, presidente do Craega, dedicou o galardón recibido aos consumidores comprometidos/as co ecolóxico e agradeceulles aos membros do xurado a entrega deste décimo noveno Premio Aresa, que supón para entidade “un recoñecemento a case 22 anos de traxectoria defendendo o ecolóxico”.

Foto de grupo, entrega XIX Premio Aresa. Foto: Transmedia Comunicación

craega

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, con sede en Monforte de Lemos, é o órgano encargado do control e da certificación da agricultura ecolóxica en Galicia. Creouse no ano 1997 e comezou certificando producións vexetais ampliando nos anos 2000-2001 o seu labor á produción animal e no 2010 á acuícola.

A certificación ecolóxica ofrece a garantía aos consumidores de que os produtos son elaborados e producidos segundo as normas da agricultura ecolóxica e que son controlados no seu proceso, elaboración, envasado e comercialización.

O Craega foi merecedor do Premio Aresa principalmente por tres razóns: facer que a agricultura ecolóxica sexa un dos motores do desenvolvemento rural, defender un proxecto de control e regulación da produción de maneira multisectorial, e acadar que a agricultura ecolóxica sexa un dos principais motivos na actualidade para fixar mozas e mozos no mundo rural e agrario galego.

ÚLTIMAS

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...

Comezan as obras da residencia da Pobra do Brollón

A empresa Construcciones Castro Figueiró S.L.U. é a encargada de acometer os traballos, que...

70.000€ para a drenaxe da vía LU-P-5702 ao seu paso polo Rego de Monelo, en Sarria

As obras executaranse á altura do Rego de Monelo, en San Vicente de Froián,...