Sober aposta polo clima e a caravana do Amandi chega a Lugo

O Concello de Sober vén de aprobar a adhesión á iniciativa europea do Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía.

Caravana do Amandi en Lugo / Concello de Sober

A Corporación acordou reducir as emisión de CO2, traballar na promoción de medidas de adaptación ao cambio climático, elaborar un inventario de emisións de referencia e unha avaliación de riscos e vulnerabilidades derivados do cambio climático, facer un plan de acción para o clima e a enerxía  sustentable no prazo de 2 anos, elaborar un informe bianual para a avaliación e control dos obxectivos, así como compartir a visión, os resultados, experiencia e coñecemento con outros concellos de Europa. Tamén se acorda adaptar as estruturas do Concello ou mobilizar a sociedade civil para que participe no Plan de Acción.

O Pleno aprobou ademais o Prego de Cláusulas Administrativas e de Prescricións técnicas para a adxudicación do contrato de recollida e transporte de residuos urbanos, e deuse conta da suba dun 2,25% das retribucións a todo o persoal do Concello con data de un de xaneiro.

Por iniciativa de Agroma Sober aprobouse una moción sobre o apoio á Oleiría tradicional de Gundivós e unha do PSOE sobre a adopción dun modelo asistencial de proximidade e de axuda no fogar.

A ‘Caravana do Amandi’ chega a Lugo

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, presentou en Lugo ‘Caravana do Amandi’, nun acto no que estivo acompañado polo delegado da Xunta, José Manuel Balseiro, polo deputado provincial Pablo Rivera e o concelleiro do Goberno local Daniel Piñeiro. O acto celebrouse na explanada da Delegación da Xunta en Lugo, na ronda da muralla.

Con esta oficina de turismo ambulante o rexedor promocionou a XXXIX Feira do Viño de Amandi, que terá lugar os días 13 e 14 de abril. A próxima parada da ‘Caravana do Amandi’ será o día 8 de abril en Escairón, coincidindo coa feira da localidade. Este ano a XXXIX Feira do Viño de Amandi está dedicada ao Concello do Saviñao, polo que o Concello de Sober decidiu que O Saviñao fora das primeiras paradas da viñoteca itinerante.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here