Monforte votou República

A consulta popular celebrada esta mañá na cidade do Cabe, e na que se preguntaba sobre preferencias sobre o modelo de estado en España, reflectiu un claro rexeitamento á monarquía.

Emisión de voto. Foto: Rafa Aguiar

Os organizadores, simpatizantes monfortinos/as da República en gran medida, puxeron a mesa coa urna na Rúa Cardeal de Monforte e alí estiveron este 13 de abril das 9:00 ás 14:00 h. Durante ese tempo recolleron os votos simbólicos da xente que quixo participar nesta consulta informal sobre a forma de goberno preferida para o Estado Español.

Nas papeletas preguntábase, por unha banda, se o votante estaba a favor dun referendo vinculante sobre o modelo de estado e, por outra banda, de contestar SI pedíase un pronunciamento sobre a opción escollida para España, República ou Monarquía.

Emitíronse un total de 389 votos e 350 deles foron a favor da República, co cal case un 90% dos participantes rexeitaron con este pronunciamento a actual monarquía. Non se pediron datos persoais a ningún dos participantes e durante o proceso non houbo ningún tipo de incidencia.

Co resultado obtido neste referendo simbólico, a imitación doutros xa celebrados con anterioridade a nivel nacional sobre a mesma temática, a celebración de mañá conmemorando a proclamación da II República terá un aliciente máis, saber que moitos/as monfortinos votaron República.

Máis información dos motivos desta particular iniciativa nun artigo anterior de Xornal de Lemos.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here