Asaltos a vivendas de Monforte e estafa a un veciño de Sober

Axentes do Corpo Nacional de Policía detiveron a tres homes pola suposta implicación nun asalto a catro vivendas en Monforte de Lemos e a Garda Civil vén de desmantelar unha banda que estafaba por internet, unha das vítimas é veciño de Sober.

Un cohce patrulla da Policía Nacional / GC

Segundo informa a Comisaría de Monforte de Lemos, os asaltos foron perpetrados entre os días 15 e 18 de maio e os detidos, con idades comprendidas entre os 24 e os 30 anos, chegaron a España para “traballar no sector da madeira” grazas á recomendación dun compatriota que xa traballa no sector. Os tres individuos foron imputados por catro delitos de roubo con forza, pois para acceder ás vivendas forzaron portas e racharon fiestras.

En canto aos obxectos que se roubaban, tiña especial importancia para eles a maquinaria –radiais, taladradoras, maquinaria de xardinaxe, etc- pero tamén se fixeron con bombonas de butano, bebidas e comestibles. Nun dos garaxes aos que accederon levaron un vehículo que empregaban nas súas maldades.

Segundo relata a Policía Nacional, en dous dos roubos os ladróns foron sorprendidos polos propietarios das vivendas que nun dos casos foi incluso agredido con violencia para poder fuxir co botín.

No momento da detención os tres homes ían no interior do vehículo substraído e foron recuperados numerosos obxectos froito dos devanditos asaltos. Os tres quedaron a disposición do Xulgado de Instrución número 1 de Monforte de Lemos que decretou o ingreso en presión de dos deles quedando o terceiro en liberdade pero con medidas cautelares.

veciño de sober,

vítima dunha estafa por internet

A Garda Civil, no marco da operación “Canasteira” desmantelou unha trama delictiva especializada en estafas por Internet.

No marco da operación foi detido en Tarragona un mozo de 19 anos de idade -natural de Marrocos- imputado como investigado outro rapaz de 26 -orixinario de Plasencia e con domicilio en Alxeciras (Cádiz)- e tamén identificado un arxelino de 39 anos con residencia no seu país de procedencia.

O Instituto Armado informa que esta banda, presuntamente, estafou a través da internet 7.100 euros a un veciño de Sober e a unha residente de Madrilejos, en Toledo.

O ‘modus operandi’ consistiu en suplantar á súa entidade bancaria enviando varios correos electrónicos cos que conseguiron que ambas vítimas lles revelasen as súas claves de acceso á banca on line. O que no argot popular se coñece como “phishing”. Conseguidas as claves ordenaron transferencias dende as súas contas. A operación foi coordinada polo Xulgado de Instrución número 1 de Monforte de Lemos e no seu desenvolvemento participaron unidades de Policía Xudicial das comandancias de Tarragona e Alxeciras.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here