Os datos policiais elevan a 706 hectáreas a superficie arrasada no lume de Monforte

A Xunta esqueceu contabilizar máis de 200 hectáreas cando informou da zona afectada, co lume xa extinguido. A Policía Nacional sinala como posible causa do incendio labores agrícolas que se estaban a realizar no lugar.

Incendio en Seoane, Monforte / @Incendiosgalic1 en Twitter.

A Policía Nacional conclúe que o recente incendio en Monforte de Lemos orixinouse nunha leira da parroquia de Baamorto, no lugar de Cinsa, na que “se estaban realizando labores agrícolas momentos antes” do inicio do mesmo. Todo indica que a partir desta incidencia, o lume propagouse á zona boscosa da contorna.

Ademais, nun comunicado, a Policía eleva a superficie arrasada neste lume a 706 hectáreas, fronte ás 465 hectáreas das que informou a Xunta tras a súa extinción o pasado 9 de setembro.

Con estes novos datos, o de Lemos convértese no segundo gran incendio forestal do ano, ao superar as 500 hectáreas, xa que o anterior tivo lugar en Rianxo e Dodro na primavera.

En relación aos labores de investigación, o Grupo Local de Policía Xudicial da comisaría de Monforte tomou declaración nos últimos días a varias persoas relacionadas co incendio.

A policía científica fixo unha inspección ocular no terreo susceptible de ser a orixe de incendio, coa toma de vestixios pendentes da súa análise. Agora estase á espera da información que aporte a Unidade Central de Análise Científica “coa que se poderá establecer se se tratou dunha imprudencia ou intencionado”.

Así, pois, a investigación por parte da comisaría de Monforte segue aberta. O atestado policial foi xa remitido ao xulgado de instrución en funcións de garda número uno de Lemos.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here