A Fiscalía pide prisión para a acusada de tentar matar aos seus fillos e suicidarse en Monforte

Solicitan o seu internamento nun centro para tratar o trastorno depresivo crónico neurótico que sofre e a anulación da patria protestade

Xulgado de Monforte/G.M.

A Fiscalía solicita catro anos e medio de prisión para a acusada de tentar matar aos seus dous fillos menores e suicidarse no xuízo que se celebrará o vindeiro mércores día 10 de outubro na Audiencia Provincial de Lugo ás 10 da mañá.

Os feitos tiveron lugar o 23 de setembro do ano 2009 ó redor das 23:25 horas, cando a imputada abriu todos os mandos da cociña de butano e a bombona de gas “antes de deitarse os 3 na cama, coa finalidade de provocar a morte de todos eles, ben por asfixia ou ben como consecuencia dunha deflagración”. Posteriormente, a muller enviou unha mensaxe (vou matar aos nenos e voume suicidar. Podes sentirte libre para o resto dos teus días) ao seu marido quen avisou de inmediato aos servizos de emerxencia. Cando os axentes da Policía Nacional chegaron ao domicilio, tiveron que derrubar a porta e posteriormente abrir todas as xanelas e pechar os mandos da cociña.

Os acontecementos, segundo o escrito da Fiscalía, son constitutivos de dous delitos de homicidio en grao de tentativa. Concorre na procesada a circunstancia atenuante de dilacións indebidas e a agravante de parentesco. Pos iso, pide por cada un dos delitos de homicidio a pena de 2 anos e 3 meses de prisión, así como a inhabilitación especial para o dereito de sufraxio pasivo durante o tempo da condena, a prohibición de comunicarse cos seus fillos por calquera medio e aproximarse a eles, ao seu domicilio ou posto de traballo a unha distancia mínima de 300 metros durante 4 anos, ademais da privación da patria protestade. Finalmente, sobre a procesada tamén recae a solicitude do seu internamento nun centro adecuado ao tipo de alteración psíquica durante 1 ano.

trastorno depresivo crónico

No momento dos feitos, a acusada vivía no seu domicilio de Monforte cos seus fillos e o seu marido. O maior de 6 anos froito da súa relación con R.C.F. e o menor de 15 meses e froito do seu matrimonio co que nese momento era o seu marido, E.A.O.

A procesada estaba diagnosticada dun trastorno depresivo crónico de tipo neurótico e un trastorno de límite de personalidade. No momento dos feitos, atopábase emocionalmente inestable debido a dificultades na súa relación sentimental, conflitividade familiar e consumo de drogas -cocaína e haxix-, polo que tiña as súas facultades afectivas, cognitivas e volitivas parcialmente alteradas.

orde de afastamento dos menores

No auto emitido o día 2 de outubro de 2009, ditado polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Nº1 de Monforte, decretóuselle a prohibición de aproximarse aos seus fillos a menos de 200 metros, aos seus domicilios ou calquera outro lugar onde se atoparan os menores, así como comunicarse con eles por calquera medio.

Posteriormente, o 15 de marzo de 2013, o auto ditado polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Nº1 de Monforte, alzouse a orde de afastamento e prohibición de comunicación establecida en virtude do auto anterior.

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here