IniciosociedadeUn soño realizado, un escaparate dos produtos locais no Camiño Francés en...

Un soño realizado, un escaparate dos produtos locais no Camiño Francés en Samos

“Casa Savildi”, en Sivil (Samos), é unha tenda degustación dos produtos locais que botaba a andar este verán como proxecto Leader co GDR Ribeira Sacra –Courel.

Publicado o

- Advertisement -

Patricia López de 35 anos, natural de Sivil, unha aldea de dúas casas en pleno Camiño Francés, no concello de Samos, tiña unha ilusión: poñer en valor e promocionar a riqueza dos produtos da contorna e poder traballar e vivir no medio rural. O proxecto da tenda degustación supuxo unha inversión de aproximadamente 50.000 euros e contou con axudas Leader a través do GDR Ribeira Sacra – Courel.

Patricia López, segunda pola esquerda

Como nace Casa Savildi?

En toda a zona elaboramos produtos de moita calidade, pero dependemos de cadeas que os distribúan. Era un problema, e pensei,… se fago unha pequena tenda onde se poidan degustar e mercar os nosos produtos, dar visibilidade ao produto local; e así nace esta tenda con degustación.

O peregrino, no momento que pasa igual non leva o produto, pero próbano e saben que eso existe. Somos como un escaparate.

O lugar de Savildi ten dúas casas, unha delas Casa Savildi. Cal é a historia da casa?

É a casa de meus avós, onde eu nacín. É unha casa de 100 anos que na parte de abaixo estaba sen utilizar e rehabiliteina. Houbo que facer uns baños, preparar ben a cociña e fixemos unha parte de barra e outra de tenda.

Deixamos as madeiras á vista, e consolidamos a pedra para que vexan como era a casa.

Inaugurades a tenda degustación o 15 de xullo do 2018, como valoras este tempo de funcionamento?

Estamos moi contentos, a xente responde moi ben. Os comezos sempre son máis difíciles porque non sabía nada deste mundo, pero a tenda funciona moi ben; no verán tivemos algún día de 50 ou 60 persoas, non todas mercan, pero todas consumen e ven o produto. O obxectivo é que vexan e consuman os nosos produtos e eso conseguiuse segundo abrimos.

Casa Savildi / GDR Ribeira Sacra-Courel

A Casa ocupa todo o teu tempo? Adícaste a ela profesionalmente?

De momento compaxino con outro traballo, porque en tempada baixa a cousa é mais floxa. Agora estamos abertos as fins de semana, en horario ininterrumpido, de 8 da mañá a 8 da tarde. En Semana Santa xa abriremos todos os días, como fixemos no verán, que tiven que contratar a unha persoa que me axudara.

Que tipo de produtos tedes?

Viños da Ribeira Sacra, mel de Samos, queixos do Cebreiro e mel da Real Abadía, leite e iogures,… Os iogures gustan moito, fanos no Incio, lácteos Veigaria, xunto cos chourizos e o pan é o que máis exito ten. Temos doces e pan dunha panadería de Samos, embutidos de Samos, aceite de Quiroga,… encántalles o aceite de Quiroga cun pouco de pan. Hai mel, marmeladas e zumes de Caurelor,…

Vou cambiando os produtos porque, aínda que os peregrinos cambian, ás veces sube xente de por aquí e así podo darlles algo distinto. Na fin de semana hai quen sube a almorzar, hai que vén pola zona de xardín.

Á xente gústalle moito a contorna, a casa está case soa, o xardín é moi tranquilo,… A xente vén cansada e agradece esa tranquilidade, moitos dinme que se tivera camas xa se quedaban aquí.

Casa Savildi / Patricia López

Será o seguinte paso?

A miña ilusión é poderme dedicar a isto. Seguramente buscaremos unha actividade complementaria porque isto é só uns meses e teño que poder cubrir todo o ano. Tamén nos temos que recuperar da inversión que acabamos de facer, que foi grande. Temos outras cousas que rehabilitar e cando nos repoñamos disto, iremos polo seguinte.

Podendo vivir disto e vivindo aquí, non hai comparación con outras cousas. Esto dá moita tranquilidade, moita paz. E na tenda a xente fala moito contigo, cóntanche cousas, eu estou moi cómoda.

Casa Savildi / Patricia López

ÚLTIMAS

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....