Descobren “un gran hórreo romano” nunha escavación en Sober

Podería tratarse do "maior do noroeste da península", segundo o alcalde da localidade.

Hórreo romano de Proendos, en Sober | Fonte: Concello de Sober

As escavacións que se realizan na parroquia de Proendos, en Sober, revelaron “un gran hórreo romano” que podería ser o de maior tamaño do noroeste peninsular.

O alcalde de Sober, Luís Fernández Guitián, puntualizou que “o máis importante foi o xeorradar que se pasou pola zona hai dúas tempadas”, co que “xa se divisaban claramente construcións”. “Sabiamos que estaba enterrada unha vila romana, esa mítica Proencia. O ano pasado, na primeira fase, foise directamente a lugares que parecían que tiñan edificios singulares e, nesta segunda fase, igual”, detallou.

Así, anticipou que “se vai a descubrir por completo un hórreo romano” con “unhas dimensións espectaculares” e que “pode ser o máis grande de todo o noroeste peninsular”. En concreto, indicou que esta construción “ten un mínimo de seis patas” e un edificio circular que “pode ser un columbario, algún tipo de depósito de auga ou posiblemente tamén un pombal”.

Neste sentido, explicou que ao dispor das imaxes do xeorradar trabállase directamente sobre “edificios con certa singularidade”.

O rexedor de Sober sinalou que o que se espera, como nas escavacións levadas a cabo o ano pasado, é “atopar elementos que demostren de que época son as zonas que están escavadas”, que “poden ser do século I e II do Alto Imperio Romano”. “Estamos na zona máis antiga do primeiro plano romano que acredita a existencia de Proencia”, apuntou.

Rodríguez Guitián avanzou que os traballos se prolongarán durante “tres semanas”, nunhas catas nas que “traballan 16 persoas”. “Despois farase unha xornada de presentación dos resultados. A nosa intención é que a próxima fase que fagamos sexa xa para consolidar este hórreo, deixalo aberto para que sexa visitado”, apuntou.

“Imos tratar de desenterrar este hórreo romano e despois consolidalo para deixar aberta esa base do hórreo máis grande da época romana do noroeste peninsular”, resumiu finalmente. Precisamente, a Xunta de Galicia puxo en marcha esta semana esta segunda fase da escavación neste xacemento arqueolóxico.

Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here