Monforte amosa o seu lado máis solidario

Na tarde de onte presentouse o libro, 'GALIZA, un país de primeira', para recadar fondos a beneficio da Asociación GaliciAME.

Acto de presentación do libro Galiza, un país de primeria/Concello de Monforte

O Centro do Viño foi onte escenario da presentación do libro Galiza, un país de primeira. A obra, escrita polos cambadeses Adela Leiro e Mon Daporta, ten como obxectivo a recadación de cartos para a Asociación GaliciAME (Asociación Atrofia Muscular) e poder avanzar na investigación desta doenza.

No acto de presentación estiveron Merchi Álvarez, presidenta de GaliciAME, Adela Leiro, coautora, Lara, irmá dun doente de atrofia muscular monfortino, e o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca. A intervinte máis activa foi Adela, que desbordou simpatía, empatía, carácter e paixón pola terra. Recoñeceu que tiña a idea do libro na cabeza e por colaborar con Merchi, pola que sinte amor e admiración, propúxose telo rematado para este mes de maio, mes das Letras Galegas.

Durante a súa intervención falou do proceso creativo, de anécdotas e recoñeceu que hai cousas que, quizais, non puido abarcar na súa abrar. Finalmente, compartiu cos asistentes un traballo audiovisual resumo do traballo editorial.

Merchi explicou brevemente en que consiste a doenza e despois, tanto ela como Lara ,contaron a súa experiencia e loita diaria contra a enfermidade. No caso da monfortina Lara como irmá e coidadora. Foi un momento moi emotivo.

No inicio e no remate do acto actuou o Grupo Municipal de Gaitas do concello.

A obra: GALIZA, un país de primeira.

Galiza, un país de primeira.

Esta obra literaria acompañada de numerosas fotografías presente ser unha homenaxe a Galiza como país, con tanto que ofrecernos e ao que tanto queremos aínda que ás veces non o pareza. Segundo palabras dos autores “un país que moitos e moitas amamos porque é o territorio no que nacemos, o que nos proporciona os recursos para vivir, unha identidade, uns usos, un xeito de facer e un idioma para comunicármonos…”, “Galiza é un país de primeira porque ten moitas cousas das que sentir fachenda”.

Os exemplares pódense adquirir na perruquería Antoris, emprazada na Rúa Doutor Casares de Monforte.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here