Monforte quere promover o turismo vencellado ao seu patrimonio xudeu

Será a primeira localidade da Rede de Xuderías de España en recibir un grupo de xornalistas especializados en viaxes. Coñecerán a zona de influencia xudía, pero tamén se achegarán a outros enclaves icónicos da zona, como os canóns do Sil ou o Colexio de Nosa Señora da Antiga.

Asemblea da Rede de Xuderías de España. Fonte: Concello de Monforte

EFE.- A localidade de Monforte de Lemos será a primeira cidade que forma parte da Rede de Xuderías de España en recibir a visita dun grupo de xornalistas especializados en turismo e viaxes para coñecer o patrimonio da capital da Ribeira Sacra, co obxectivo de que posteriormente o difundan a través das súas canles e medios de comunicación.

Segundo informou o Concello de Monforte, a visita deste grupo de xornalistas especializados forma parte dun proxecto de difusión que puxo en marcha a propia Rede de Xuderías para promocionar as visitas turísticas ás cidades que forman parte do colectivo.

PARA COÑECER O MONFORTE XUDEU…

O vindeiro luns, día 2 febreiro, o grupo visitará toda a zona de influencia xudía da cidade, guiados polo investigador monfortino Felipe Aira e acompañados polo alcalde, José Tomé, a primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, e a delegada da Rede de Xuderías, Marta Puig Quixal.

Para aproveitar a súa estancia en Monforte, tamén visitarán o Miradoiro do Duque sobre os canóns do Sil, o embarcadoiro e a Adega Algueira, así como o Colexio de Nosa Señora da Antiga.

O martes e o mércores, ese mesmo grupo continuará o seu percorrido por Galicia coa visita a outras dúas cidades que pertencen á Rede de Xuderías, como son Ribadavia ou Tui. EFE

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here